MOBILIDADE

A comisión da ORA e o guindastre acorda incorporar novos datos económicos ao expediente para a municipalización

23/03/2017 Na xuntanza, celebrada hoxe no Pazo de Raxoi, descartouse solicitar novos informes xurídicos relativos á afectación da taxa de reposición de persoal neste proceso.

O alcalde, Martiño Noriega, presidiu este mediodía a reunión da Comisión técnica para a municipalización da ORA e do guindastre, da que forman parte todos os grupos municipais así como persoal técnico.

Na xuntanza acordouse completar a memoria do proceso con datos económicos sobre outros posibles modelos para asumir a xestión directa dese servizo, á marxe da sociedade municipal Tussa. O obxectivo é que eses informes estean elaborados nun prazo de dúas semanas, para convocar unha nova xuntanza da comisión.

Os integrantes da mesa analizaron a memoria elaborada para a municipalización e acordaron non solicitar novos informes relativos ao persoal porque entenden que será inevitable ter informes contraditorios sobre a interpretación da taxa de reposición, que se deberán resolver desde o punto de vista político. Unha vez se celebre a seguinte reunión da comisión técnica, o Goberno local levará ao pleno da corporación a proposta para a municipalización dos servizos da ORA e o guindastre.

O proceso para a municipalización da ORA e do guindastre comezou despois de que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulara a concesión do servizo á empresa Setex Aparqui, porque incumpría o prego de condicións do concurso no que resultara adxudicataria. A partir de aí, acordouse a modificación do obxecto social de Tussa, para que puidera asumir a xestión da ORA e o guindastre, e o Consello de Administración da empresa municipal informou posteriormente da súa viabilidade económica e xurídica. Finalmente, o pleno da corporación acordou en decembro crear unha comisión técnica e iniciar o procedemento de asunción directa da xestión do servizo da ORA e o guindastre a través de Tussa.

Compartir: