CENTROS SOCIOCULTURAIS

Santiago celebra o "Banquete de Conxo" con varios actos no Centro Sociocultural do Barrio

22/03/2017 A celebración tradicional é o 2 de marzo, pero como nos últimos anos fíxose coincidir co Día Mundial da Poesía. O lugar elixido é o CSC de Conxo e a escalinata cercana ao Hospital Psiquiátrico.

A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá as actividades de conmemoración do Banquete de Conxo que se celebrarán este venres 24 de marzo tanto no Centro Sociocultural do barrio como na escalinata cercana ao Hospital Psiquiátrico.

Escolleuse esa zona pola súa singularidade e por tratarse dun espazo próximo ao que sería o escenario do Banquete. Nesta edición achégase unha proposta poética da man de poetas novas ou novísimas no panorama poético galego. Finalmente procederíase á lectura dos brindes poéticos especialmente o descuberto de Luis Rodríguez Seoane en decembro de 2016 e publicado no 2017 por Alvarellos e que se daba por perdido.

Actividades
Comezan ás 12.15 no CSC de Conxo "onde haberá unha intervención teatralizada de Rosalía e Aurelio intepretadas por Ana Ponte e Diego Freire", tal e como destacou Concha Fernández. Posteriormente terá lugar un encontro co alumnado do IES Eduardo Pondal coa poeta Helena Salgueiro. Xa pola tarde, a partir das 19.00 horas a escalinata do Pavillón Central acollerá o acto propio de celebración do banquete de Conxo, que será conducido por Henrique Alvarellos.Pecharase cun acto poético musical da man de Lorena Conde, Lara Rozados, Sofía Espiñeira, Helena Salgueiro e Ariel Ninas.

Con perfís moi diferentes, estas novas autoras achegan unha proposta consolidada da excelente poesía que se fai en Galicia. Destacamos tamén que todas as autoras teñen unha conexión coas artes escénicas e co teatro en particular o que establece unha certa linguaxe común que de seguro aparecerá reflectida nos seus xeitos de plasmar a súa intervención a través da palabra poética.

Compartir: