ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Recepción ao alumnado do Colexio San Lucas de Toledo dentro do programa "Aula de Patrimonio"

21/03/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado doutros membros da corporación, recibiu esta mañá no Salón Nobre do Pazo de Raxoi a un grupo de alumnos e alumnas do Colexio San Lucas y María de Toledo, participantes no programa "Aula de Patrimonio".

O alcalde deulles a benvida á cidade e convidounos a aprender moito de Santiago e pasear polas súas rúas. Tamén lembrou que os días 27, 28 e 29 de marzo serán os alumnos e alumnas do CEIP López Ferreiro os que viaxen a Segovia para coñecer máis do seu patrimonio. Esa é precisamente unha das novidades deste ano, o feito de facer intercambios triangulares e non bilaterais entre diferentes cidades para enriquecer as visitas.

Eran un total de 29 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria acompañados de 46 nenos e nenas do mesmo curso do CEIP López Ferreiro. Pasarán tres días en Compostela coñecendo o patrimonio da nosa cidade, como o Casco Histórico, a Catedral e o Museo ou a Cidade da Cultura.

Ademais farán unha gymkana polas rúas da zona vella para coñecer os distintos aspectos históricos e culturais da cidade de Santiago: as portas da cidade, as rúas e os seus oficios, as peregrinacións, O Camiño de Santiago e a Catedral de Santiago. En cada equipo nomearase a un capitán e irán acompañados por monitores/as. Entregaráselles un sobre coas probas que deberán realizar e ir superando. O equipo que as realice en menos tempo e de forma correcta, será o grupo gañador.

Compartir: