DEPORTES

Aberta a inscrición para a III edición carreira nocturna SantYaGo 10K

20/03/2017 A carreira percorrerá as diferentes rúas do casco histórico e rematará na Praza do Obradoir. A organización espera superar, como nas edicións anteriores, as 2.000 persoas inscritas.

A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou esta mañá os detalles da III edición da carreira nocturna "SantYaGo 10K" que se celebrará en Compostela o vindeiro 6 de maio ás 22.00 horas.

Na rolda estivo acompañada de José A. Juanatey, presidente do Club de Atletismo Fontes de Sar, do delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo, Ivan Sanmartín, e da madriña da proba deste ano, Iolanda Gutiérrez. As persoas interesadas en participar da proba xa poden inscribirse en www.santyago10k.es

A saída será ás 22:00 horas, partindo da rúa San Francisco e rematará na Praza do Obradoiro. O circuíto, de dez quilómetros homologados pola Real Federación Española de Atletismo, percorrerá as principais rúas do Casco Histórico.

Esta terceira edición ven precedida por dous anos consecutivos con gran éxito de participación, superando as 2.000 persoas inscritas. Este ano agárdase poder superar a cifra de participantes, tendo de partida un límite máximo de 2.500 participantes. A concelleira destacou que en Santiago "contamos cun circuÍto de carreiras moi potente, que cada ano supera as nosas expectativas en canto ao número de persoas inscritas".

Para inscribirse haberá dous prazos: ata o domingo 23 de abril, cun prezo de 7 €, e o segundo será entre o 24 e o 30 de abril, cun prezo de 15 €. Para anotarse será preciso cubrir o formulario de inscrición que se atopa na páxina web da carreira http://www.santyago10k.es, existindo dúas alternativas para facer o pago, directamente on-line ou ben achegándose posteriormente polo Multiusos Fontes do Sar ou polo Complexo Deportivo Santa Isabel a aboar a inscrición.

Ademais os socios destes complexos deportivos poderán gozar dun desconto, cun prezo especial de 5 € euros se se inscriben antes do 23 de abril. Este ano a madriña da proba será a atleta profesional Iolanda Gutiérrez Robles do club Maeloc Way. Foi segunda clasificada na SantYaGo10K de 2016, completando a proba en pouco máis de 39 minutos. A atleta internacional nacida en Boiro conta cunha grande traxectoria deportiva e ven de ser 2ª clasificada no pasado 39º Maratón internacional de San Sebastián 2016 cunha marca de 2h 38’.

Historia da proba
SantYaGo10k naceu en 2015 da man do Club de Atletismo Fontes do Sar que, logo de participar en ducias de carreiras en toda España, deseñou unha cita pensando nos corredores populares e tomando os mellores detalles dunha multitude de probas de todo tipo.

SantYaGo10K conta co apoio do Concello de Santiago e o Multiusos Fontes do Sar/Complexo Deportivo de Santa Isabel. Tamén colaboran na carreira diferentes empresas e entidades como Carrefour, Cenor, Bétula Cars, Feiraco…

Dende hoxe pódese consultar toda a información da carreira na web http://www.santyago10k.es ou seguirse a través das redes sociais, como facebook.com/SantYaGo10K ou twitter.com/SantYaGo10K

Compartir: