FACENDA E ORZAMENTOS

Xa está operativa a Oficina impulsada pola Concellería de Facenda para solucionar dúbidas coa regulación catastral

20/03/2017 Dende hoxe luns 20 de marzo comeza a operar a Oficina especializada de atención ao contribuínte que a Concellería de Facenda vén de poñer en marcha para atender as dúbidas xeradas en relación á regularización catastral.

Como informou hai unhas semanas a concelleira de Facenda, María Rozas, a Dirección Xeral de Catastro está a facer unha regularización catastral en Santiago, dentro do marco do plan de regularización 2014-2017 e revisará aqueles inmobles que non están contribuíndo polo valor que deberían.

A Oficina ponse en marcha co obxectivo de informar a veciñanza deste proceso, a pesar de que non está impulsado polo Concello. Iso si, entende o goberno local que é preciso poñer a disposición dos veciños e veciñas toda a información relativa ao mesmo. Tamén servirá de asesoramento no caso de que o veciño ou veciña considere que debe presentar alegacións. O horario de atención ao público será de 08.45 a 14.00 horas na rúa Presidente Salvador Allende, 4-baixo.

A veciñanza de Compostela ten dúas formas de pedir cita previa para acudir á Oficina, ben mediante o teléfono 881 599 977 en horario ininterrumpido de 8 a 20 horas ou ben a través do enderezo electrónico www.santiagodecompostela.gal dentro do epígrafe Transparencia/relacións coa cidadanía/contacto co Concello/Cita Previa/Catastro.

Ademais, o Goberno local vai cumprir o compromiso adquirido no proceso de negociación de orzamentos e todo o que se recade no rural con motivo desta regularización catastral será integramente repercutido no propio rural de Compostela.

Direccións relacionadas



Compartir: