EMPREGO

A antiga escola unitaria da Susana albergará un centro BTT a partir de maio

20/03/2017 O alcalde participa na clausura do Obradoiro de Emprego que permitiu acondicionar as dependencias. O vello colexio reserva tamén un espazo para ser utilizado polas mulleres desta aldea de Marrozos, como veñen facendo nos últimos anos.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, participaron esta mañá na clausura do Obradoiro de Emprego Ecorural Santiago no que traballaron 20 alumnos e alumnas durante seis meses. Na clausura tamén participou o director Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellaría de Economía, José Alfonso Marnotes.

O alcalde loubou o bo funcionamento destes obradoiros de emprego e mostrou a intención do Concello de seguir colaborando, desde o punto orzamentario e técnico, con iniciativas deste tipo. Martiño Noriega felicitou aos participantes nesta edición "porque ademais de formarse deixaron un importante legado para a aldea da Susana, a parroquia de Marrozos e o conxunto do municipio de Santiago". Nesa liña, incidiu na importancia de "reivindicar o patrimonio verde de Compostela, e iso pódese facer a través de servizos como este centro BTT". Por último, o rexedor agradeceu o papel xogado "polas mulleres da parroquia, que se encargaron do coidado da vella escola unitaria", e que estiveron presentes tamén no acto.

Proxectos desenvolvidos
O obradoiro tivo un orzamento de 220.000 euros, dos cales 50.000 foron achegados polo Concello de Santiago e o resto provén dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria. É unha das actividades formativas levadas a cabo durante o ano 2016 no marco dos obradoiros Ecotur, dirixidos a persoas paradas.

Neste caso participaron un total de 20 alumnos e alumnas traballadoras que realizaron actividades dirixidas á especialidade de confección e publicación de páxinas web e Operacións Auxiliares de Revistimentos Continuos de Construción.

As persoas participantes na especialidade de Operacións Auxiliares de Revistimentos Continuos de Construción realizaron as obras de Rehabilitación da Antiga Escola Unitaria para albergar o Centro BTT Santiago. Levaron a cabo traballos de renovación de instalacións, illamento e accesibilidade.

O Centro BTT, que empezará a funcionar en maio, ofrecerá toda a información para o coñecemento do medio rural e natural do Concello a través da práctica da bicicleta de montaña e do sendeirismo procurando sensibilizar e concienciar sobre o turismo sostible e respectuoso co medio. Visitando o propio centro ou a través da súa páxina web, poderanse atopar (e descargar) rutas para facer en bicicleta ou a pé. O Centro BTT estará operativo a partir do vindeiro mes de maio.

En canto á especialidade de Confección e Publicación de páxina web as persoas participantes realizaron traballos de deseño e implementación de ferramentas web. En concreto, crearonse dúas webs orientadas á divulgación do importante patrimonio natural e cultural do Val de Santa Lucia e do Centro BTT Santiago.

A finalidade destes Obradoiros que organiza a Concellería de Emprego é a mellora da ocupabilidade das persoas desempregadas, a través da súa cualificación profesional e coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social que posibiliten aos alumnos e alumnas participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Compartir: