EDUCACIÓN

O Centro sociocultural do Ensanche acollerá cursos de software libre, informática e curtas

24/11/2006 O Centro sociocultural e xuvenil do Ensanche é un espazo especializado nas novas tecnoloxías, dotado de equipos e programas informáticos dirixidos especialmente á mocidade. Promove a formación básica de mozas e mozos fomentando o emprego das ferramentas dispoñibles de software libre.

Utilizando a súa potencialidade, o departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago organiza unha serie de cursos de formación. Entre eles un de informática básica, de introdución á internet, de deseño gráfico e retoque fotográfico con software libre (o gimp) ou de deseño de páxinas web.

Así mesmo, está previsto a realización dun curso de curtas, un obradoiro que busca iniciar aos mozos no mundo da curtametraxe. Os particpantes, logo dunhas nocións básicas sobre a elaboración xeral cinematográfica e a gravación en vídeo, desenvolven as diferentes fases de que consta a preparación e dirección dunha curta, desde o proceso inicial de produción e as solicitudes dos diferentes permisos necesarios para gravar na rúa, ata a dirección práctica do mesmo, pasando polo traballo de escolla de actores. Ao final, proxectaranse os traballos realizados.

Este curso, que comezará o 16 de decembro, terá unha duración de 30 horas, a razón de dúas xornadas semanais, e un prezo de 20 euros.

Compartir: