PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio presentan os seus obxectivos para 2019

18/03/2017 A primeira tenente de alcalde, María Rozas, participou este sábado en Alcalá de Henares na reunión da Asemblea Xeral do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da entidade, que presentou o seu Plan Estratéxico ata 2019, encamiñado a conseguir un maior matiz social, coa implicación dos cidadáns e cidadás no desenvolvemento de proxectos que defendan e protexan os centros históricos das Cidades Patrimonio.

A reunión tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Alcalá de Henares e foi presidida pola presidenta do Grupo e alcaldesa de Cáceres, Elena Nevado, e polo alcalde de Alcalá de Henares, Javier Rodríguez Palacios, e nela estiveron presentes tanto alcaldes como concelleiros das 15 cidades cuxos centros históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Entre os acordos adoptados na Asemblea figura a apertura do prazo para os Premios Cidade Patrimonio, que será entregado o 25 de novembro; a presentación do I Certame de Creación Audiovisual para Xóvenes, con premios de 1.000 euros para menores de idade e de 3.000 euros para maiores de idade, e a aprobación do proxecto para desenvolver a marca "Destino Turístico Seguro" nas 15 Cidades Patrimonio.

Compartir: