XUNTA DE GOBERNO

O Executivo local intenta captar 1,5 millóns de euros para un programa de emprego dirixido á mocidade

17/03/2017 O Goberno local intentará captar máis de 1,5 millóns de euros de fondos europeos, para a posta en marcha dun plan de emprego dirixido á mocidade. Así se acordou na Xunta de Goberno desta mañá. O programa Mocidade con Emprego desenvolveríase no período 2017-2020.

O alcalde, Martiño Noriega, deu conta da solicitude da subvención, conforme á convocatoria 2017 de Axudas do Fondo Social Europeo, dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil. A cantidade solicitada é de 1.557.496,45 euros, mentres que o Concello tería que achegar ao proxecto 137.461,05 euros.

Melloras no Polígono do Tambre
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a solicitude á Xunta dunha subvención para a modernización das instalacións do Polígono do Tambre. Neste caso, a achega que se pide é de case 120.000 euros, e tería como destino a substitución das luminarias existentes no parque empresarial por outras de tecnoloxía LED, máis eficientes dende o punto de vista enerxético. Segundo os informes técnicos, a substitución das luminarias podería supoñer un aforro de 27.000 euros anuais. A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia cofinanciaría esta actuación con preto de 24.000 euros.

Hortas de Belvís
Na reunión deste venres, o Executivo local tamén acordou renovar a concesión das hortas municipais de Belvís de Abaixo, despois de dous anos. Dos 26 usuarios que tiñan a concesión, 17 decidiron mantela. As prazas libres cubríronse tirando da lista de agarda que xa estaba elaborada pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: