XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba o proxecto de rehabilitación da Casa das Máquinas

17/03/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto actualizado de rehabilitación da Casa das Máquinas, na rúa de Galeras. O alcalde sinalou que a actuación, que sairá a licitación nas próximas semanas, ten un orzamento de algo máis de 250.000 euros, IVE incluído.

Martiño Noriega explicou que o que hoxe aprobou a Xunta de Goberno foi a primeira fase dun proxecto actualizado, "posto que o ano pasado foi preciso acometer algunhas actuacións no edificio para asegurar a estrutura ante o risco de derrubes". Esas medidas supuxeron un custo de máis de 50.000 euros.

A Casa das Máquinas, deseñada polo arquitecto compostelán Xesús López de Rego, foi construída en 1919 e atópase entre o patrimonio catalogado, en atención ás súas características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica e ambiental. O edificio, que estivo destinado a albergar un transformador de Fenosa, ten unha cualificación urbanística de dotación con uso previsto sociocultural. A primeira fase do proxecto de rehabilitación do inmoble ten como obxectivo recuperar a cuberta, os muros e a carpintería exterior, elementos todos moi deteriorados.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: