PLENO

A Corporación compostelá reivindica unha Lei Galega de Identidade de Xénero

16/03/2017 A Corporación compostelá aprobou hoxe unha declaración institucional, na que mostra o seu apoio á aprobación dunha norma legal que regule a identidade de xénero en Galicia.

O texto acordado polos catro grupos da Corporación responde á solicitude presentada pola Asociación Ultreia LGTBI, e lembra que a nosa comunidade foi unha das primeiras en aprobar, en 2014, unha lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Esta normativa estase demostrando insuficiente para acabar coa discriminación que lle afecta ás persoas transexuais, e os colectivos afectados veñen demandando unha lei específica sobre identidade de xénero.

Coa declaración institucional aprobada hoxe, o Concello de Santiago insta aos grupos políticos presentes no Parlamento Galego a acordar "na actual lexislatura unha norma legal que lle dea resposta satisfactoria ás demandas das persoas trans, e lograr así a igualdade real e plena no goce dos seus dereitos e liberdades".

O pleno no que se aprobou a declaración institucional contou coa asistencia de representantes de colectivos LGTBI como Ultreia, Arelas ou AmiZando.

Outros acordos
O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade unha moción do BNG para instar á Xunta a mediar ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Ministerio de Xustiza para dotar a Santiago de novos órganos xudiciais. En concreto, reclámase unha nova sala do Social, un xulgado do Contencioso-Administrativo e unha primeira sala especializada en Violencia de Xénero.

Tamén a instancias do grupo municipal nacionalista, no pleno desta tarde acordouse demandar á Xunta actualización do financiamento dos custos da Capitalidade. Os catro grupos coincidiron en que a partida consignada na actualidade é totalmente insufuciente para afrontar eses gastos, estimados en 5,5 millóns de euros.

Por último, recibiu luz verde por unanimidade unha moción do PSOE para solicitar un informe sobre o estado dos contedores do lixo.

Compartir: