CONVIVENCIA

Un pequeno incendio obrigou a pechar hoxe as oficinas de Tesourería do Concello

16/03/2017 Un pequeno incendio rexistrado esta madrugada obrigou a pechar hoxe as oficinas municipais de Tesourería, na rúa Galeras. Por este motivo, o Concello tivo que anular todas as citas de atención tributaria que estaban fixadas para este xoves.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que a Policía Local e os Bombeiros recibiron o aviso do incendio minutos despois das tres da madrugada. Todo apunta a que a orixe do sucedido foi un curtocircuíto no cadro eléctrico dun corredor no que estaban apilados algúns arquivadores con expedientes que xa estaban dixitalizados e que ían ser almacenados. En todo caso, o concelleiro explicou que a Policía Científica vai emitir tamén un informe sobre as causas do lume.

O alcalde, Martiño Noriega, a concelleira de Facenda, María Rozas, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitaron a primeira hora da mañá as dependencias municipais, para comprobar os danos rexistrados. Aínda que o lume non se estendeu, si que se orixinaron problemas no subministro eléctrico e no servidor que lle presta servizo ao departamento. O Concello confía en recuperar a normalidade, fundamentalmente na atención á cidadanía, nos próximos días.

Documentos relacionados



Compartir: