TURISMO

O domingo remata o prazo para que restaurantes e cafeterías se inscriban en Santiago Paixón Doce

16/03/2017 A segunda edición de Santiago Paixón Doce, programa gastronómico que naceu no 2016 baixo a marca de Compostela Gastronómica coa idea de promocionar como atractivo turístico a tradición larpeira da cidade, celebrarase este ano do 7 ao 17 de abril, coincidindo coa Semana Santa.

As cafeterías e restaurantes participantes incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón", tortas ou doces conventuais. Os doces típicos poderán tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos locais, sen ter que pedir un menú.

Ademais, este ano abrirase a participación a outro tipo de establecementos como confeiterías, panaderías ou reposterías. Deste xeito, o evento poderá acadar unha maior dimensión e chegar a un maior público. Todos os estabelecementos interesados en participar poden inscribirse mandando un correo a comunicacion@santiagohosteleria.org. O prazo de inscrición remata o 19 de marzo.

Santiago Paixón Doce é organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento é triplo: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa, consolidar a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada, e poñer en valor a tradición larpeira da cidade máis aló da Tarta de Santiago. Na edición do ano pasado, concibida como un programa piloto, participaron 20 establecementos que serviron máis de 1.300 doces.

Direccións relacionadas



Compartir: