ESPAZOS CIDADÁNS

Jorge Duarte confía en que as obras de reforma da avenida de Vilagarcía comecen despois do verán

16/03/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe o proxecto reformado da repavimentación da avenida de Vilagarcía, que sairá a licitación nas próximas semanas cun orzamento de case medio millón de euros. Jorge Duarte sinalou que as previsións apuntan a que estas obras poidan arrancar despois do verán.

O concelleiro de Espazos Cidadáns lembrou que a reforma integral da avenida de Vilagarcía foi aprobada durante o anterior mandato, pero cando se ía firmar a acta de replanteo para o comezo dos traballos "os servizos técnicos advertiron que non se solicitara o informe da Dirección Xeral de Patrimonio, preceptivo porque esta rúa atópase no Camiño Portugués". Por iso, explicou Jorge Duarte, o Concello tivo que paralizar o inicio das obras, e solicitar ese informe, "que foi emitido en marzo de 2016 e que era desfavorable, porque se consideraba que o proxecto rompía a uniformidade do Camiño Portugués e utilizaba demasiados materiais diferentes".

De aí que o Concello tivera que solicitar un proxecto reformado, que se presentou en setembro de 2016, e que tivo que volver a ser informado por Patrimonio. Ese informe, apuntou o edil, "foi recibido no Concello o pasado 30 de xaneiro, e o 24 de febreiro a Xunta de Goberno aprobou o novo proxecto, que sairá a licitación nas próximas semanas".

Proxecto simplificado
O concelleiro de Espazos Cidadáns explicou que para obter o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio foi preciso "simplificar o proxecto de reforma da avenida de Vilagarcía, agrupando todas as zonas verdes previstas nun único punto central do viario, e apostando pola utilización de menos materiais distintos". Así, finalmente, a calzada será de formigón lavado, "a mesma solución adoptada en puntos de acceso á cidade histórica".

Jorge Duarte indicou que na avenida de Vilagarcía aplicarase o mesmo deseño para as zonas de carga e descarga que na rúa de Montero Ríos, de forma que "os vehículos poderán estacionar na beirarrúa, lixeiramente elevada, durante o horario de carga e descarga e, fóra del, ese espazo quedará destinado para os peóns".

O proxecto sairá a licitación cun orzamento inicial de 496.733 euros, IVE incluído. A actuación está financiada pola Deputación da Coruña.

Compartir: