ALCALDÍA

O sector hostaleiro reclama que a Xunta tramite a Lei de Espectáculos Públicos, en borrador dende 2013

15/03/2017 O alcalde presidiu este mediodía unha nova reunión da mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna, convocada co obxectivo de facer seguimento do funcionamento das instrucións aprobadas na anterior xuntanza en relación aos aforos dos locais. O sector mostrouse satisfeito coa súa aplicación, e explicou que non se están rexistrando incidencias salientables ao respecto.

Na mesa, o sector hostaleiro volveu manifestar a súa preocupación pola lentitude na tramitación da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, que segue sen estar aprobada malia a que o anteproxecto foi presentado pola Xunta no ano 2013.

O voceiro dos hostaleiros, Ramón García, explicou que esta lei "é o marco xurídico no que se poden regular moitos dos aspectos que lle afectan ao sector, e acabar coa inseguridade na que nos atopamos a día de hoxe". Por iso, o sector demandou do Goberno local que intente acordar en Xunta de Voceiros unha declaración institucional para instar á Xunta a axilizar a tramitación da normativa, á que lle vén dando novamente publicidade dende outubro.

Zonas saturadas
Outro dos asuntos abordados na reunión de hoxe foi unha proposta de actualización do decreto de zonas saturadas, aprobado en marzo de 2011. O alcalde explicou que a este texto "fóronselle introducindo modificacións no ano 2013, pero non se chegou a harmonizar o texto orixinario".

Ademais, a proposta actualiza o decreto para introducir os criterios das novas instrucións relativas ao aforo, "de xeito que se autoricen as revisións de aforo dos locais das zonas saturadas, sempre que non impliquen un aumento da súa superficie". Martiño Noriega explicou que agora serán os propios hostaleiros e os demais grupos municipais os que fagan as súas achegas á proposta do Goberno, de cara á súa aprobación "previsiblemente na próxima reunión da mesa de diálogo que terá lugar despois de Semana Santa".

Fala baixiño
Por último, na mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna analizouse a proposta dos hostaleiros para poñer en marcha unha campaña de concienciación sobre o ruído no exterior dos locais, chamada Fala baixiño. O voceiro dos hostaleiros, Ramón García, insistiu en que "o problema do ruído non está no interior dos locais, sobre todo na zona vella, senón no seu exterior, porque moita xente segue sen estar concienciada da necesidade de conciliar o dereito ao lecer co dereito ao descanso". O Concello mostrou a súa disposición a colaborar nesta campaña coa asociación, que segue buscando tamén outras vías de financiamento.

Compartir: