MEDIO AMBIENTE

O Concello súmase á conmemoración do Día Internacional dos Bosques

15/03/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia presentou hoxe as actividades que organiza e nas que colabora o Concello, con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se conmemora o 21 de marzo. Foi nunha rolda de prensa na que Xan Duro estivo acompañado por María Pose, coordinadora dos Locais Socioculturais do Rural; Irene Bastino, do Centro de Interpretación Ambiental de Belvís; Jorge Pérez e Luis Incera, de Ferrovial, e Mabel Fraga, directora do Museo de Historia Natural.

Xan Duro lembrou que "Santiago é unha das cidades do Estado con máis zonas verdes por habitantes, e a cidadanía debe ser consciente de que as árbores teñen máis beneficios que os estéticos". Concienciar á veciñanza de cales son esas funcións será o obxectivo común de todas as actividades impulsadas con motivo do Día Internacional dos Bosques.

Actividades nos centros socioculturais
A FAO, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, ten lanzado a campaña #LoveForest, para que todos aqueles que se suman á celebración do Día da Árbore compartan fotografías e vídeos das súas actividades nos bosques locais co hashtag #InForestDay. Así se vai facer dende a rede de centros socioculturais, que invita aos seus usuarios a participar na gravación de vídeos de menos de 30 segundos de duración dende as zonas de bosque próximas aos locais. Estes vídeos deberán ser compartidos nas redes sociais antes do 21 de marzo, engadindo o hashtag #SantiagoTenBosque e coa etiqueta @FAOForestry.

Nos próximos días, nos centros socioculturais tamén se desenvolverán actividades de homenaxe ás árbores, como e elaboración de murais, tarxetas e diversas manualidades. Por último, está prevista a plantación de sementes de acivro en sementeiros de varios locais, coa intención de que os nenos e nenas poidan ver a súa evolución e transplantalas no contorno dos centros cando acaden o tamaño axeitado. Tamén se plantarán árbores nas proximidades dos locais socioculturais.

Roteiro no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís
Como é habitual, o Centro de Interpretación Ambiental de Belvís tamén se sumará á celebración do Día da Árbore, aínda que o conmemorará por adiantado, o sábado 18.

Nesa xornada haberá un obradoiro de recoñecemento de árbores, pensado para nenos e nenas a partir dos sete anos, e no que se pode participar de balde. A segunda actividade organizada polo CIAC, tamén de balde, está dirixida ao público adulto. Trátase dun roteiro para coñecer as árbores do parque de Belvís, que comezará no propio Centro de Interpretación ás 16:30 horas.

Para participar en calquera das dúas actividades é preciso inscribirse previamente, ben enviando un correo electrónico á dirección ciac@santiagodecompostela.gal, ou ben no teléfono 981 543 145.

Colaboración co Museo de Historia Natural
Este ano, o Concello volve colaborar co Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago na celebración do Día Internacional dos Bosques, que este ano leva por lema "Os bosques e a enerxía", ao abeiro do convenio que teñen asinado ambas partes.

A directora do Museo, Mabel Fraga, explicou que a súa intención foi "aproveitar o contorno do propio centro, situado no parque de Vista Alegre, para chamar a atención sobre as vantaxes de ter áreas de bosque na cidade". O parque conta con áreas de bosque forestal nas que se pode explicar a importancia da leña como combustible renovable e non contaminante. De feito, segundo apuntou Mabel Fraga, "as árbores representan o 40% do fornecemento actual de enerxía renovable no mundo, unha cantidade maior ca xerada polo sol, a auga ou o vento". Anualmente, empréganse uns 1.860 millóns de metros cúbicos de madeira como fonte de enerxía para cociñar, quentarse e xerar electricidade.

Doutra banda, o Museo de Historia Natural aproveitará as áreas de arboredo do Parque de Vista Alegre, para explicar que "a colocación estratéxica de árbores en zonas urbanas pode arrefriar o aire entre 2 e 8º C e sobe o nivel de humidade polo efecto da evapotranspiración".

Así, o Museo de Historia Natural organiza un percorrido interpretativo polo Parque de Vista Alegre e os obradoiros do propio Museo, no que poden participar tanto adultos como nenos acompañados por adultos. Será o 25 de marzo, en dúas quendas ás 11:00 e ás 17:00 horas. A actividade é de balde.

Ademais, o Museo organiza dúas actividades dirixidas aos centros de ensino, que se desenvolverán do 21 ao 24 de marzo en tres quendas: ás 10:00, ás 12:00 e ás 16:00 horas. Para nenos e nenas de 4 a 10 anos haberá uns obradoiros sobre a enerxía secreta das árbores, nos que se mostrarán conceptos como o poder calórico da leña, a idade das árbores ou o emprego da sombra para arrefriar o ambiente. Para o alumnado de 11 a 18 anos, as actividades propostas permitirán calcular e comparar o poder calórico da leña das diferentes especies de árbore ou o tamaño das sombras que producen segundo a hora do día e o mes.

As actividades organizadas polo Museo de Historia Natural en colaboración co Concello e con Ferrovial son de balde, pero é preciso inscribirse previamente na páxina web do museo.

Visitas no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns
Na celebración do Día Internacional dos Bosques tamén colabora Ferrovial, a empresa concesionaria do mantemento dos parques e xardíns, con actividades que se prolongarán ata o mes de xuño. Con elas, vaise reactivar o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns, situado tamén no parque de Belvís. Ese será o epicentro das charlas sobre a importancia das árbores, e o lugar desde onde saian as visitas guiadas para o recoñecemento das especies que se poden atopar en Belvís, dirixidas a escolares. A día de hoxe, xa están inscritas máis de 40 clases, que supoñen uns mil alumnos e alumnas.

Ademais, a próxima semana, Ferrovial promoverá a plantación de árbores nos colexios da cidade. Segundo explicou Luis Incera, nalgúns casos serán especies froiteiras, "co obxectivo de que os nenos e nenas os vexan medrar e comproben como dan froitas que eles moitas veces non saben de onde saen".

Luis Incera aproveitou para anunciar unha actividade que Ferrovial ten previsto desenvolver nos meses de abril e xuño, dirixida ás asociacións de veciños, para explicar cal é a importancia do arborado viario e as súas vantaxes e inconvenientes.

Compartir: