TURISMO

O Grupo Cidades Patrimonio participa en Florencia nunhas xornadas de traballo sobre modelos de xestión turística

15/03/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, participou estes días nunhas xornadas de traballo organizadas pola Comisión de Turismo do Grupo Cidades Patrimonio e o Concello de Florencia. Xunto a ela tamén participaron a presidenta do Grupo e o resto de concelleiros de Turismo.

A delegación mantivo encontros co alcalde de Florencia, Dario Nardella, e a concelleira de Turismo da urbe italiana, Paola Concia. Ademais aproveitaron a visita para manter diversas xuntanzas de traballo coas xerencias da área de Museos e Turismo, a directora do Convention Bureau e co director do Centro Histórico de Florencia Patrimonio Mundial.

A cónsul de España en Florencia, María Ángeles Velloso, e o conselleiro de Turismo da embaixada de España en Roma, Carlos Hernández, acompañaron os representantes das Cidades Patrimonio nesta viaxe de traballo, na que Marta Lois e os seus homólogos noutras urbes tiveron a ocasión de coñecer os modelos de xestión turística e os casos de éxito de Florencia, declarada Patrimonio Mundial en 1982.

Como complemento ás xornadas, o Grupo participou no Congreso organizado pola Fondaziones Romualdo del Bianco "Life beyonf tourism. Heritage and Travel for Intercultural Dialogue", no que se deu a coñecer o funcionamento e as actividades da rede de Cidades Patrimonio como exemplo de xestión conxunta do turismo e o patrimonio polos 15 concellos.

Grupo Cidades Patrimonio
O Grupo Cidades Patrimonio é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 e cuxo obxectivo pasa por actuar de maneira conxunta da promoción cultural e turística do patrimonio das 15 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola Unesco como Patrimonio Mundial: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: