ALCALDÍA

Concello e Deputación da Coruña colaboran no financiamento das actividades culturais do Auditorio de Galicia

15/03/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, asinaron este mércores o convenio de colaboración para o financiamento das actividades culturais do Auditorio de Galicia. O acordo supón unha achega provincial de 180.000 euros.

Martiño Noriega salientou a importancia deste convenio para "manter a importante programación do Auditorio, polo que hai que agradecer o apoio da Deputación". O alcalde lembrou que as dúas institucións veñen mantendo outras liñas de colaboración, e puxo como exemplo a pasada edición do Womex, que "non sería posible sen o respaldo económico da Deputación".

Pola súa parte, a vicepresidenta da Deputación da Coruña explicou que "o convenio asinado hoxe dálle cobertura a accións desenvolvidas no ano 2016, e ao tempo estanse empezando a establecer as bases e os proxectos deste 2017". Goretti Sanmartín incidiu en que o organismo provincial seguirá colaborando co Concello de Santiago neste ámbito "porque entende que o Auditorio é fundamental para a cultura da cidade e do país".

Compartir: