CONSORCIO

O violinista francés Amaury Coeytaux e o trompista estadounidense Eric Terwilliger formarán a músicos galegos

14/03/2017 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do trompista estadounidense Eric Terwilliger e do violinista francés Amaury Coeytaux, que ofrecerá ademais un concerto en Santiago acompañado da Real Filharmonía de Galicia. Xunto aos alumnos/as da Escola, tamén poden asistir intérpretes externos ao centro.

As clases de violín celebraranse os días 20, 21 e 22 de marzo. E as sesións de trompa terán lugar os días 20 e 21. Os músicos que desexen participar nestas clases poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. A selección farase por rigorosa orde de presentación de solicitudes.

Amaury Coeytaux, principal violinista da Orquestra Nacional de Radio Francia
O violinista Amaury Coeytaux naceu en 1984 e xa dende neno exhibía un talento precoz. Comezou a estudar piano con catro anos e violín con sete. Fixo a súa primeira aparición pública cunha orquestra aos nove anos e con once a súa interpretación da Sonata nº 3 de Eugène Ysaÿe foi emitida en directo por Radio Francia. Aos trece anos ingresou no Conservatorio Superior de Música de París, onde se licenciou coas máis altas cualificacións. Continuou a súa formación na Escola de Música de Manhattan. Dende 2012 é o violinista principal da Orquestra Nacional de Radio Francia.

Eric Terwilliger, un dos trompistas máis prestixiosos na actualidade
Eric Terwilliger foi durante máis de 30 anos trompa solista da Orquestra Filharmónica de Múnic. Nestes intres ocupa o mesmo posto na Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera. Tras ser galardoado en diferentes certames internacionais, actuou como solista xunto a grandes orquestras como a Filharmónica de Viena ou a Filharmónica de Berlín, entre outras. É catedrático de trompa na Universidade de Música e Teatro de Múnic.

Compartir: