MEDIO AMBIENTE

Meixonfrío contará cunha nova área de xogos infantís

14/03/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou este martes o proxecto do novo parque infantil de Meixonfrío, que estará situado na rúa Ofelia Nieto. A súa instalación foille adxudicada na última Xunta de Goberno á empresa Lappset España, por un importe de 58.073,39 euros, IVE incluído.

Xan Duro explicou que a instalación deste parque infantil foi unha das primeiras demandas formuladas pola veciñanza do norte da cidade. A área de xogos estará localizada nunha parcela municipal de 1.900 metros cadrados e ocupará unha superficie de case 240 metros cadrados. O resto dos terreos quedarán axardinados.

O parque, con chan de herba artificial con placas amortecedoras, contará cun total de 38 elementos de xogo, moitos deles aptos para seren usados por nenos e nenas con diversidade funcional. Así, Xan Duro salientou que "a área de xogos contará cun pórtico de randeeira cun asento de integración para nenos e nenas con mobilidade reducida, ademais doutros dous espazos para bebés e para nenos máis maiores". Tamén haberá un carrusel inclusivo, ao que se pode acceder mesmo en cadeira de rodas.

O parque complétase cun castelo de actividades no que haberá tobogán, redes e barras para trepar, pontes e mesmo unha barra de bombeiros; e cunha casiña de actividades. Por último, introducíronse dous xogos tradicionais: o tres en raia e a mariola. En total, poderán xogar ao mesmo tempo ata 97 nenos e nenas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que a empresa adxudicataria da instalación do parque de Meixonfrío ofertou como melloras tres anos de mantemento das instalacións, a maiores do ano esixido xa no prego, e tres anos de garantía adicional da área de xogos. Está previsto que os traballos de instalación comecen nuns dez días, e terán un prazo de execución de mes e medio.

Compartir: