FEIRA

O II Car Outlet Motorocasión porá á venda arredor de 400 vehículos

14/03/2017 O recinto feiral de Amio acollerá este venres e a fin de semana a segunda edición do Car Outlet Motorocasión. Salón do Vehículo Usado e de Ocasión, que terá unha extensión de 4.500 metros cadrados. Na presentación do evento estivo a primeira tenente de alcalde, María Rozas, acompañada do director do Salón, José Enrique Elvira.

En total, explicou a concelleira, "ofreceranse arredor de 400 vehículos en oferta, de segunda man e ocasión". Trátase dunha "moi boa oportunidade" para cambiar de coche. Permitirá reunir novamente nun único espazo toda a oferta de vehículos de ocasión dos concesionarios oficiais composteláns e outros de ámbito galego.

Como novidade, este ano incorpórase á feira o concesionario oficial de Lexus para Galicia. O Salón estará aberto ao público o venres dende as 16:00 ás 21:00 horas. O sábado abrirá de 11:00 ás 21:00 horas, e o domingo, de 11:00 a 20:00 horas.

As entradas custarán só 2 euros e o acceso dos nenos e nenas menores de 10 anos será gratis, existindo amplo aparcadoiro gratuíto no propio recinto feiral de Amio. A dinámica feiral, onde se repoñen cada día os coches que se van vendendo, permite unha oferta variada nos 4.500 metros cadrados de superficie que ocupará a mostra de ocasión.

Esta confluencia de diferentes concesionarios oficiais e marcas nun único espazo supón unha vantaxe para os clientes interesados en coches de ocasión, pois van atopar unha gran variedade de modelos e mesmo diferentes coches da mesma marca, de forma que poidan comparar características ou prezos e elixir o que máis se adapte aos seus intereses.

Compartir: