DÍA MUNDIAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A erradicación da violencia de xénero, "un traballo conxunto" de homes e mulleres

24/11/2006 Nun acto celebrado na praza do Toural, a xornalista Irene Lourido leu un manifesto chamando pola "unión" de homes e mulleres para erradicar a violencia de xénero. Mentres, un grupo de compañeiros tamén xornalistas, en representación das vítimas, ían pendurando do Pazo de Bendaña frases de sensibilización en resposta a algunhas das actitudes machistas máis frecuentes.

"Fágoo porque te quero" ou "Es ti a que me provoca" son algunhas das escusas coas que moitos homes pretenden xustificar a violencia que exercen contra as súas parellas. De forma simbólica, estas frases escritas sobre grandes bandeirolas de cores penduraban das ventás do Pazo de Bendaña desde o mércores 22 de novembro.

Na xornada mundial de protesta contra a violencia de xénero, cinco xornalistas locais, representantes dos medios que son, dalgún xeito, responsables da sensibilización social contra este problema, convertéronse en portadores das respostas das mulleres nun acto organizado pola Concellaría da Muller.

A presentadora da Televisión de Galicia, Irene Lourido, púxolle voz a un manifesto de apoio ás vítimas mentres un grupo de colegas xornalistas ían pendurando das ventás do Pazo de Bendaña as bandeirolas de resposta ás actitudes machistas que moitas mulleres escoitan a cotío da boca das súas parellas. "Se me quixeras non o farías" "Ninguén é o meu dono" ou "quero vivir sen medo" foron algunhas das frases escollidas como reacción ás condutas violentas.

"Non queremos berrar para que nos escolten, queremos que a nosa voz sexa unha única voz na sociedade: que homes e mulleres nos demos a man nesta loita e camiñemos xuntos para previr e erradicar este problema", sinalou Irene Lourido.

Os asistentes recibiron un paraugas verde, cor da esperanza, como agasallo. Ao remate do acto, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, agradeceu a presenza aos asistentes e pediu un minuto de silencio en recordo das mulleres mortas a man das súas parellas ou exparellas.

Os actos enmarcados dentro do día Mundial da Violencia de Xénero pretenden chamar a atención sobre unha lacra que xa provocou a morte de 61 mulleres en España no que vai de ano. Con todo, pouco a pouco comézanse a notar os efectos da aplicación da Lei contra a violencia de xénero. Segundo apuntou Gloria Novo, técnica da Concellaría da Muller, "estase a notar en canto ás denuncias e ás medidas de protección, e tamén respecto ao apoio económico ás mulleres para facilitar a súa independencia".

A repercusión pode observarse no número de persoas que chegan á Casa de Acollida, 32 no que vai de ano (15 mulleres e 17 menores), polas 51 do ano 2005. As medidas de protección inmediatas fan que ás veces as mulleres non teñan necesidade de acudir á Casa e poidan quedar no seu domicilio. O tempo medio de estancia é duns 40 días. "Pero queda moito por facer", indicou Gloria Novo a propósito da incidencia da nova Lei.

Documentos relacionados



Compartir: