CONSORCIO

Un violonchelo de 1710 soará no concerto deste xoves da Real Filharmonía de Galicia

15/03/2017 A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal de abono este xoves, 16 de marzo, na súa sede, o Auditorio de Galicia. A cita terá lugar ás 20:30 horas, baixo a batuta do director titular e artístico da agrupación, Paul Daniel.

O público terá a oportunidade de escoitar o Concerto para violonchelo nº 2 do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), coñecido como o "pai da sinfonía" debido á súa contribución ao xénero. Esta obra, que encerra unha gran complexidade para o solista, será interpretada polo aclamado violonchelista alemán Alban Gerhardt.

Gerhardt leva 25 anos impactando no público de todo o mundo coa súa intensa musicalidade, a súa presenza no escenario e a súa insaciable curiosidade artística. Destaca o seu don para arroxar nova luz sobre as obras de repertorio, xunto co seu interese pola investigación de novas partituras de séculos pasados e actuais. A súa carreira internacional relanzouse tras o seu debut con a Filharmónica de Berlín en 1991. Ao longo da súa traxectoria tocou coas mellores orquestras de toda Europa, América, Asia e Australia; dirixido por grandes mestres. Entre os seus próximos recitais, actuará en Montreal, no Konzerthaus de Berlín e na Biblioteca do Congreso en Washington.

Comparte os seus descubrimentos co público máis alá da tradicional sala de concertos. Nesta liña, levou a cabo proxectos de difusión por Europa e Estados Unidos, incluíndo actuacións e talleres, non só en escolas e hospitais, senón tamén sesións pioneiras en diferentes espazos públicos e incluso en reformatorios. A súa colaboración coa compañía ferroviaria alemá Deutsche Bahn levouno a realizar actuacións en directo nas principais rutas de cercanías en Alemaña.

Colabora con compositores contemporáneos, memorizando case sempre a súa parte antes das estreas. Artista moi aclamado, gañou diversos premios en certames musicais, entre eles tres Klassik Echo Awards. E a súa gravación do Concerto para violonchelo de Unsuk Chin, publicado por Deutsche Grammophon, recibiu o Music Magazine Award da BBC e foi nominado para un Premio Gramophone en 2015. Alban Gerhardt toca un violonchelo Matteo Gofriller que data do ano 1710.

Obras de Benjamin Britten e Stravinski
Os músicos tocarán ademais a Sinfonia da Requiem do británico Benjamin Britten (1913-1976). Tamén soará a Sinfonía para instrumentos de vento (versión de 1947) do compositor ruso Ígor Stravinski (1882-1971). O concerto concluirá coa Sinfonía en tres movementos de Stravinski.

Charla previa co director Paul Daniel
Antes do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: