OBRAS

Comezan as obras de reparación de pavimentos no barrio de Conxo

13/03/2017 Este luns comezaron as obras de reparación de pavimentos en Conxo, vinculadas ao gran contrato de mantemento licitado polo Goberno local. Os traballos afectaranlle á maior parte dos viarios do barrio, moitos deles en mal estado por mor dos desvíos de tráfico das obras do paso inferior. As obras arrancaron polo contorno do hospital psiquiátrico e da escola infantil, e está previsto que se prolonguen por dúas semanas, en función das condicións meteorolóxicas.

Ao mesmo tempo, os equipos vinculados ao contrato de mantemento traballarán nos próximos días en dúas parroquias rurais, Marrozos e O Eixo. A semana pasada, as brigadas centráronse no arranxo de pequenos puntos que provocaban problemas ao tráfico por todo o termo municipal, e tapáronse ao redor de corenta fochancas con aglomerado en quente.

Nas próximas semanas tamén está previsto que comece unha nova fase das obras de reparación das beirarrúas do Ensanche. Desta vez, os traballos iniciaranse na praza Roxa.

Rematadas as obras da curva de Marzo de Arriba
Á marxe do contrato de mantemento, este luns remataron as obras de remodelación do trazado viario no lugar de Marzo de Arriba, na parroquia de Grixoa. Os traballos permitiron eliminar unha curva na que se viñan producindo numerosos accidentes, nos que os vehículos acababan chocando co muro de peche da mesma vivenda. Na actuación investíronse algo máis de 50.000 euros, procedentes do PAS 2015 da Deputación da Coruña. Está previsto que o viario sexa reaberto mañá ao tráfico.

Compartir: