ALCALDÍA

Recoñecemento municipal a Borja Golán tras o seu décimo quinto título de campión de España

13/03/2017 O Concello de Santiago volveu recoñecer hoxe a traxectoria de Borja Golán, que vén de conseguir o seu décimo quinto título de campión de España de squash. Foi cunha recepción que presidiu o alcalde, Martiño Noriega, e á que tamén asistiron a concelleira de Deporte, Noa Morales, e os voceiros de PP e BNG, Agustín Hernández e Rubén Cela.

Borja Golán, que en 2016 tamén se fixo co campionato de Europa en Praga, asinou no Libro de Honra da cidade e agradeceu os azos que sempre recibe dende o Concello de Santiago. O deportista recoñeceu que "estes ánimos son necesarios cando un empeza a ter o corpo cansado, acabado de celebrarse o Campionato de España, xa con próximos partidos o mércores e o xoves en Holanda e Suíza, e coa vista posta no Open Británico que comeza o domingo".

O alcalde referiuse a Borja Golán como "un deportista referencial de Santiago e comarca, que será dificilmente reemprazable". Martiño Noriega mostrouse convencido de que, aos seus 34 anos, o xogador segue en perfecta forma e seguirá dándolle alegrías ao deporte compostelán.

Compartir: