ACCIÓN CULTURAL

Voadora presenta a súa versión do "Soño dunha noite de verán", de Shakespeare

13/03/2017 A compañía de Teatro Voadora representa a súa versión do Soño dunha noite de verán, de William Shakespeare, esta semana dentro do ciclo Teatro & Danza da Concellaría de Acción Cultural. Será con catro funcións de mércores a sábado, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Presentáronas esta mañá a primeira tenente de alcalde, María Rozas, e dous membros da compañía: Hugo Torres, actor e compositor, e José Díaz, tamén actor e compositor, ademais de produtor do espectáculo.

Voadora recolle a obra de William Shakespeare e versiónaa nun texto adaptado polo dramaturgo chileno Marco Layera. Con dirección de Marta Pazos, acoden de novo a Shakespeare, a quen xa representaran con A tempestade, para facer unha versión libre que afonda en temas profundos e actuais como a revolución feminista ou a realidade de xénero, en clave poética, divertida e musical.

Sinopse
Demetrio e Lisandro queren a Hermia. Ela só ten ollos para Lisandro, pero o pai dela só acepta a Demetrio. A súa amiga Helena ama a Demetrio, pero este amor non é correspondido. Hermia e Lisandro acordan fuxir da cidade ao amparo da escuridade, pero son perseguidos por un enfurecido Demetrio que, á súa vez, é perseguido por unha extasiada Helena. No bosque, sen o coñecemento dos mortais, Oberón e Titania (rei e raíña das fadas) teñen unha disputa sobre un criado. A trama xira cando o súbdito de Oberón, Puck, corre solto cunha flor que fai que as persoas namoren do primeiro que vexan ao espertar.

Entradas
As entradas teñen un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas).

Compartir: