MOBILIDADE

Jorge Duarte reivindica un ente supramunicipal que xestione directamente o transporte metropolitano

09/03/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade apostou hoxe pola creación dun ente supramunicipal que xestione de maneira directa o transporte metropolitano. Foi durante o relatorio que pronunciou no congreso organizado pola publicación Carrilbus, e no que participaron asociacións e empresarios do transporte de toda Galicia.

Jorge Duarte sinalou que "é necesaria unha mellor coordinación entre o transporte urbano e o interurbano, e para iso a mellor ferramenta é un ente supramunicipal que defina cales son as frecuencias e as liñas máis necesarias". Para o concelleiro, "este momento no que a Xunta ten que sacar as novas concesións das liñas, despois de 30 anos, é propicio para repensar o sistema do transporte metropolitano". Segundo apuntou Duarte, cinco concellos da área de Santiago téñenlle trasladado xa á Xunta a súa aposta pola posta en marcha dese ente supramunicipal, e súa reivindicación para ser tidos en conta á hora de facer o novo deseño de liñas.

A cidade para os peóns
Na súa intervención no congreso, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade reiterou a aposta do Concello de Santiago por "un cambio do modelo de cidade, no que o vehículo privado deixe espazo para os peóns". Para iso, apuntou, "será preciso fomentar os modos peonís, a bicicleta e o transporte público". Jorge Duarte indicou que, para fomentar o uso do autobús, é preciso mellorar a fiabilidade e a confianza no sistema de transporte público, así como "conseguir que viaxar en autobús non sexa máis lento que facelo no vehículo privado".

Compartir: