LINGUA

Teatro, obradoiros e ciencia enchen a programación infantil con Apego de marzo

08/03/2017 A programación infantil con Apego no mes de marzo chega cargada de teatro, obradoiros e mesmo ciencia. Haberá ata dez actividades distintas, dirixidas a nenos e nenas dende os dous anos ata os doce, coa utilización do idioma galego como común denominador.

O próximo venres comeza no Centro Sociocultural do Ensanche o obradoiro Emocións e lingua. Serán cinco sesión, dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, nas que se traballará co movemento, a plástica, a música e o teatro para aprender a xestionar as emocións e os conflitos que xorden cando falamos nunha ou outra lingua.

A actividade desenvolverase os días 10, 17, 24, e 31 de marzo, de 17:30 a 19:30 horas. Haberá unha última sesión no 1 de abril, de 11:00 a 13:00 horas. A inscrición pode facerse a través do correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal.

Viaxe en Fa
Outra das propostas da programación infantil con Apego para este mes de marzo chega da man do Conservatorio Histórico, que invita aos cativos e cativas de 6 a 9 anos a facer un percorrido musical para coñecer outras culturas. 9, 8, 7, 6… chega unha viaxe en Fa será os venres do mes de marzo, de 16:15 a 17:00 horas. A inscrición pódese realizar a través do e-mail info@conservatoriodesantiago.com, ou no teléfono 981 564 808.

Ciencia e medio ambiente
Ao longo deste mes, a programación infantil con Apego inclúe varias actividades relacionadas co medio ambiente. Así, o 18 de marzo haberá un obradoiro de recoñecemento de árbores da man do CIAC, dirixido a nenos e nenas de máis de oito anos. A inscrición xa se pode facer a través do e-mail ciac@santiagodecompostela.gal.

Xa o día 25 de marzo, haberá unha ruta interpretativa polas Brañas de Sar, para descubrir os seus valores naturais, os seus usos tradicionais e outras curiosidades. Neste caso, a actividade non é exclusiva para o público infantil, e a saída tamén terá lugar dende o CIAC.
Un día antes, o 24 de marzo, haberá unha experiencia de ciencia en movemento no Centro Sociocultural de Vite, a partir das 19:00 horas.

Outras actividades
A programación infantil deste mes complétase cun obradoiro de debuxo rítmico, coas Historias da maleta de Raquel Queizás e cunha proposta da Xanela do Maxín sobre a lingua galega en escena.

Ademais, neste mes ábrese o prazo de inscrición para dúas actividades que estarán encadradas na programación de abril: un obradoiro de ilustración con Xosé Tomas, e unha actividade do Conservatorio Histórico bautizada como 5, 4, 3, 2, 1, 0… Chega unha viaxe en familia.

Toda a programación pódese consultar na web apego.santiagodecompostela.gal.

Compartir: