EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Santiago e Vila Real traballan na posta en marcha dun programa de intercambios escolares

07/03/2017 Este martes, os concelleiros de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios, e de Vila Real, José Maria Magalhães, así como técnicos destes dous concellos -José Pintos, Matilde Dimis, Xosé M. Rodríguez-Abella e Susana Papín- mantiveron unha reunión de traballo para coordinar propostas arredor da posta en marcha dun programa de intercambios escolares que poida ser debatido no Grupo Temático de Educación do Eixo Atlántico, que se reunirá a finais de marzo na cidade portuguesa de Bragança.

As dúas cidades intercambiaron información arredor dos obxectivos, os destinatarios, a metodoloxía de traballo e os contidos do programa, entre outras cuestións, que permitan avanzar no obxectivo de que o alumnado dos centros educativos das 36 cidades que integran o Eixo Atlántico poidan contar cun programa pedagóxico de intercambios escolares. Grazas a este proxecto, preténdese que os mozos e mozas poidan coñecer e valorar o patrimonio das cidades e vilas que integran esta asociación tranfronteiriza creada no ano 1992 por cidades de Galicia e do Norte de Portugal.

A Presidencia deste Grupo Temático de Educación recae dende o 15 de novembro de 2016 no concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, mantendo periodicamente reunións de traballo nas que se estudan diferentes propostas educativas, como a Mostra Musical do Eixo Atlántico ou os Encontros Pedagóxicos. Nos próximos días celebrarase un encontro co secretario xeral do Eixo Atlántico para presentar as iniciativas acordadas.

Compartir: