ALCALDÍA

Felipe VI amósase receptivo á convocatoria do Real Padroado de Santiago antes de que acabe o ano

07/03/2017 O alcalde compostelán e presidente do Consorcio foi recibido esta mañá en audiencia polo xefe do Estado no Palacio da Zarzuela, nunha reunión que fora solicitada co obxectivo de reactivar o Real Padroado de Santiago. Martiño Noriega amosouse moi optimista ao remate do encontro, no que Felipe VI "amosou unha gran receptividade á demanda de convocar neste 2017 a que sería a primeira reunión do organismo dende o ano 2003".

O presidente do Consorcio presentoulle ao xefe do Estado un plan de investimentos para o período 2017-2026, que contempla distintas accións orzamentadas en máis de 240 millóns de euros. Martiño Noriega lembrou que na última convocatoria do Real Padroado aprobouse o plan de investimentos 2004-2014, "dotado con 200 millóns de euros, pero que non se chegou a executar na súa totalidade por mor da crise económica". Segundo explicou o rexedor, Felipe VI "mostrou coñecer en detalle cal é a actividade que desenvolve o Consorcio de Santiago, e o papel fundamental que tivo na nosa cidade dende os anos 90".

Duplicar o orzamento anual do Consorcio
O Real Padroado é un organismo que ten como obxectivo activar a promoción da cidade como meta do Camiño de Santiago, e que foi recuperado no ano 1991 polo Goberno central, a instancias do Concello e da Xunta, de cara á celebración do Ano Santo de 1993. A súa actividade canalízase a través do Consorcio, unha ferramenta participada polo Estado, a Xunta e o Concello. Neste 2017, o orzamento do organismo interadministrativo é de 9,1 millóns de euros.

O plan estratéxico 2017-2026 está dividido en seis eixos: o mantemento e restauración do patrimonio; a cultura e a sociedade; o medio ambiente; o patrimonio propio e os equipamentos da cidade; a planificación e os estudos de cara á participación en proxectos europeos; e a gobernanza e coordinación coas administracións competentes. En canto a proxectos concretos, poderíanse recuperar programas que non se chegaron a executar no anterior plan de investimentos, como o soterramento do cableado na cidade histórica ou a elaboración dun plan director do transporte de mercadorías. Tamén se poderían reforzar os programas de rehabilitación de vivendas e de monumentos e a mellora de equipamentos que foron construídos no seu día polo Consorcio, como o Multiúsos de Sar ou o Palacio de Congresos.

Compartir: