TURISMO

Turismo promociona as novas conexións de Lufthansa na feira máis importante de Alemaña

07/03/2017 Turismo de Santiago participa na ITB, principal feira de turismo do mercado alemán, que se celebra en Berlín do 8 ao 12 de marzo. A participación da entidade municipal de promoción turística na ITB é unha das súas accións máis importantes do ano, xa que o mercado alemán é un mercado prioritario para a cidade.

O mercado alemán superou por primeira vez as 70.000 pernoctacións nos hoteis da cidade no ano 2015, sendo só superado en número polo mercado italiano. Os datos do 2016 non están aínda dispoñibles, pero a estimación é que de novo se superou esta cifra. O obxectivo que se marca dende Turismo de Santiago é chegar ás 100.000 pernoctacións de turistas de Alemaña nos vindeiros anos.

Nos tres primeiros días, o acceso á feira está permitido só para os profesionais: axentes de viaxes, turoperadores, prensa, organizadores de congresos… Durante estes tres días, os técnicos de Turismo de Santiago manterán unha axenda de reunións con distintos profesionais interesados na cidade e no Camiño de Santiago.

A entidade municipal aproveitará a súa axenda de reunións para promocionar a chegada de Lufthansa a Santiago, que se producirá oficialmente o 27 de marzo cun primeiro voo procedente de Frankfurt. A comezos de abril comezarán tamén a operar os voos a Munich.

A chegada de Lufthansa a Santiago constitúe unha gran oportunidade para continuar crecendo no mercado alemán, pero tamén é unha oportunidade para continuar crecendo internacionalmente, xa que Lufthansa conta con grandes hubs tanto en Frankfurt como en Munich, que ofrecen múltiples posibilidades de conexión.

Os dous últimos días da ITB diríxense ao público xeral. Neste par de días no mostrador de Turismo de Santiago poderá comprobarse o interese crecente do público alemán tanto por Santiago como destino cultural, como polo Camiño de Santiago, como unha experiencia na que se sintetizan cultura, historia, patrimonio e natureza.

Nos últimos anos, Alemaña tense consolidado como o segundo mercado internacional para Santiago, tanto no número de pernoctacións como no número de persoas que fan o Camiño de Santiago, so tras Italia. No ano 2015, o mercado alemán superou por primeira vez ás 70.000 pernoctacións, segundo o INE. No 2016, o número de peregrinos alemáns continuou crecendo, superando tamén por primeira vez os 20.000.

Compartir: