HOMENAXE

O Concello de Santiago súmase á homenaxe a Valle-Inclán organizada pola Fundación Granell

07/03/2017 O Concello de Santiago sumouse este mediodía á homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán organizada pola Fundación Granell en colaboración co Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. O acto celebrouse na estatua dedicada ao escritor, no Paseo dos Leóns da Alameda.

A homenaxe, que recorda no 7 de marzo o regreso de Valle-Inclán a Compostela, comezou coa colocación dunha bufanda vermella na estatua do escritor, para establecer unha conexión co acto no que se lle impón unha bufanda branca á figura do dramaturgo no día do teatro.

No acto participaron o conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; o director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González Millán; e o dramaturgo Quico Cadabal, que vén de estrear a primeira adaptación ao galego dunha obra do escritor. Todos eles leron algúns textos de Valle-Inclán, como tamén fixeron os voceiros dos grupos municipais do PP, Agustín Hernández; PSOE, Paco Reyes; e BNG, Rubén Cela.

O encargado de pechar o acto foi o segundo tenente de alcalde, Jorge Duarte, que tamén lle deu lectura a un texto de Valle-Inclán. A maiores, o concelleiro quixo recordar as palabras que Castelao lle dedicou ao escritor tras a súa morte, hai xa 81 anos.

Compartir: