ACCIÓN CULTURAL

Compostela Conversa, diálogos musicais e concertos, novo ciclo de Acción Cultural

07/03/2017 A primeira tenente de alcalde, María Rozas, presentou esta mañá o novo ciclo da Concellaría de Acción Cultural, Compostela Conversa, no que poderemos ver a grupos dialogando arredor da música para despois ofrecernos un concerto. Fíxoo acompañada de Cristina V. Miranda, directora artística do ciclo.

Compostela Conversa celebrarase un domingo ao mes de marzo a xuño, sempre ás 20:00 horas e no Teatro Principal. O 19 de marzo estarán Trilitrate con Joana Barra Vaz; o 30 de abril, Atrás Tigre con Lorena Álvarez y su Banda Municipal; o 21 de maio, conversarán Os Amigos dos Músicos con Luis Emilio Batallán; e pechan o ciclo, o 25 de xuño, Guerrera e Totale.

As entradas para cada encontro terán un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse a partir desta tarde no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Compostela Conversa é un ciclo de concertos de carácter único que busca fomentar a promoción do novo talento e a reflexión sobre a escena actual, dando voz aos artistas máis alá da actuación musical. Pero ademais dun ciclo de concertos, tamén é un espazo de conversa aberta ao público. Preténdese abrir un debate plural sobre a creatividade, o traballo dos artistas, a situación do novo talento e calquera tema que enriqueza a ruptura da parede entre espectador e artista durante un concerto. Un espazo de diálogo entre as propias bandas e músicos, que poña en contacto o talento galego emerxente con artistas de outros estilos, xeografías e épocas.

O público pode enviar as súas preguntas a cada un dos grupos previamente a través da conta de correo electrónico compostelaconversa@gmail.com e os e as artistas responderán o mesmo día do concerto en directo.

Direccións relacionadas



Compartir: