ALCALDÍA

Martiño Noriega confía en que o xefe do Estado impulse a primeira reunión do Real Padroado dende 2003

06/03/2017 O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio deu conta hoxe dos motivos polos que se solicitou unha audiencia co xefe do Estado que terá lugar mañá pola mañá no Palacio da Zarzuela. Martiño Noriega explicou que o obxectivo é que Felipe VI impulse a convocatoria dunha reunión do Real Padroado de Santiago, que sería a primeira desde o ano 2003.

O rexedor explicou que o Real Padroado é un organismo que ten como obxectivo activar a promoción da cidade como meta do Camiño de Santiago, e que foi recuperado no ano 1991 polo Goberno central, a instancias do Concello e da Xunta, de cara á celebración do Ano Santo de 1993. A súa actividade canalízase a través do Consorcio, unha ferramenta participada polo Estado, a Xunta e o Concello. Martiño Noriega indicou que na última reunión do Real Padroado, en 2003, aprobouse un plan de investimentos do Consorcio para o período 2004-2014 que superaba os 200 millóns de euros, "e que se viu interrompido pola chegada da crise económica, que foi rebaixando o orzamento do organismo interadministrativo aos 9,1 millóns de euros deste 2017".

Proposta estratéxica plurianual
Na audiencia de mañá co Rei, o presidente do Consorcio avanzará a proposta estratéxica na que se vén traballando no último ano e que se pretende levar a esa eventual reunión do Real Padroado. Nela inclúense actuacións para o período 2017-2026, englobando así os dous próximos Anos Santos, e cun orzamento total que roldaría os 240 millóns de euros.

O alcalde explicou que o plan estratéxico está dividido en seis eixes: o mantemento e restauración do patrimonio; a cultura e a sociedade; o medio ambiente; o patrimonio propio e os equipamentos da cidade; a planificación e os estudos de cara á participación en proxectos europeos; e a gobernanza e coordinación coas administracións competentes.

En canto a proxectos concretos, Martiño Noriega explicou que "é pronto para avanzar detalles, pero poderiamos recuperar programas que non se chegaron a executar no anterior plan de investimentos, como o soterramento do cableado na cidade histórica, ou a elaboración dun plan director do transporte de mercadorías". Tamén apostou por reforzar "os programas de rehabilitación de vivendas e de monumentos, e a mellora de equipamentos que foron construídos no seu día polo Consorcio como o Multiúsos de Sar ou o Palacio de Congresos".

O alcalde reiterou que o obxectivo último é que "o Consorcio volva vivir un momento de esplendor como o que tivo na década dos 90", e mostrouse convencido de que, se se produce a convocatoria do Real Padroado, "as tres administracións implicadas estarán dispostas a facer ese esforzo orzamentario para que o organismo duplique o presuposto anual que ten a día de hoxe".

Compartir: