MOCIDADE

"Tamén é machismo" sensibilizará contra esta lacra á mocidade de Compostela no CSC do Ensanche e nos institutos

06/03/2017 A concelleira de Deporte, Mocidade e Benestar Animal, Noa Morales, inaugurará esta tarde, a partir das 19:00 horas, a exposición "Tamén é machismo", pertencente a unha campaña de sensibilización proposta nos orzamentos participativos.

A mostra está composta por 23 imaxes acompañadas dun texto que fan referencia a pequenas situacións do día a día na que as mulleres son discriminadas polo mero feito de ser mulleres. Búscase introducir o termo de micromachismos e facer reflexionar aos asistentes sobre actos ou formas de pensar, moitas veces de xeito inconsciente, que teñen como base o patriarcado e o seu sistema ideolóxico. O fin último da exposición e a publicidade desta iniciativa é crear debate entre os/as asistentes e tentar que abandonen ese tipo de comportamentos.

A exposición estará no CSC do Ensanche ata o 12 de marzo e, posteriormente pasará por varios centros educativos da cidade. Esta exposición xurde dunha das iniciativas presentadas aos Orzamentos Participativos da Concellaría de Mocidade. Foi presentada polo Colectivo Xeración en Marcha e realizada por Raquel Vázquez Blanco.

Compartir: