ACCIÓN CULTURAL

Arranca un novo ciclo de "Encontros con cineastas" grazas á colaboración entre o Concello e Numax

05/03/2017 O próximo 11 de marzo bota a andar un novo ciclo cultural, froito da colaboración entre o Concello de Santiago e Numax. Trátase dos Encontros con cineastas, que se van inaugurar cunha charla con Alberto Vázquez, baixo o título "O debuxo como forma de pensamento".

Este encontro desenvolverase na sede de Numax, na rúa Concepción Arenal. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo, e pódense realizar as reservas a través do correo electrónico proxectoscultura@santiagodecompostela.gal

Biografía de Alberto Vázquez
Alberto Vázquez, nacido na Coruña en 1980, é un referente da novela gráfica e o cinema de animación.

Os seus libros foron editados en países como España, Francia, Italia, Brasil ou Corea; e como ilustrador de prensa ten publicado en El País, La Voz de Galicia, Vanity Fair ou Boston Globe Magazine. Os seus traballos valéronlle máis dun cento de premios internacionais, en citas como o Festival de Annecy, Chicago, Foyle, ou Expotoon.

No ámbito do cinema de animación, dirixiu curtas baseadas nos seus cómics, como Birdboy, Sangre de unicornio ou Decorado. Este último valeulle o Goya á mellor curtametraxe de animación na pasada edición dos premios, nos que tamén se fixo co Goya á mellor longametraxe de animación con Psiconautas, codirixida xunto a Pedro Rivero e baseada na novela gráfica do mesmo título, escrita e debuxada polo propio Alberto Vázquez.

Compartir: