EDUCACIÓN E CONVIVENCIA

Os nenos e nenas das escolas infantís municipais sumáronse á xornada de portas abertas dos Bombeiros de Santiago

04/03/2017 Os nenos e nenas das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, así como as súas familias, participaron na xornada de portas abertas organizada polos Bombeiros de Santiago con motivo do seu patrón.

Grazas aos Bombeiros, ao persoal das escolas e ao Departamento de Educación e Cidadanía, os pequenos e pequenas realizaron diversas actividades, como a elaboración dun mural xigante utilizando diferentes técnicas plásticas, pinceis, estampado de esponxas ou colaxe de papeis de cores. Ademais, puideron apagar un as lapas dun lume simulado nun edificio con globos cheos de auga.

Seguindo coa temática dos bombeiros, os nenos e nenas crearon tamén extintores con materiais de refugallo, utilizando materiais como botellas baleiras, cordóns, precintos de cores e moita imaxinación. A xornada completouse cun especial paseo da fama, na que os/as escolares e as súas familias puideron inmortalizar este día de convivencia con imaxes relacionadas cos bombeiros.

Outras actividades
A xornada de portas abertas completouse con outras actividades para nenos e nenas de maior idade, como obradoiros de excarceración en vehículos, un taller sobre o uso dos extintores e unha demostración sobre como se pode producir un incendio nunha tixola e que medidas hai que adoptar para apagalo. Os rapaces e rapazas que participaron nas actividades levaron un casco de bombeiro como agasallo e recibiron o seu carné de bombeiro infantil.

Compartir: