ALCALDÍA

O Concello solicita a implicación da Xunta na creación do Campus da Música de Santiago

03/03/2017 O alcalde de Santiago fixo hoxe un chamamento á implicación da Xunta na creación do Campus da Música de Santiago, na reunión que mantivo co presidente, Alberto Núñez Feijóo. Martiño Noriega lembrou a "demanda histórica da cidade para que se amplíe o Conservatorio Profesional, case dende o mesmo momento da súa inauguración en 2004", e explicou a situación de falta de espazo na que se atopa a Escola Municipal de Música, que comparte espazo co CEIP Apóstolo Santiago.

O alcalde pediu o respaldo do Goberno autonómico na procura dun novo emprazamento para a Escola Municipal de Música, e apuntou á necesidade de compensar ao Concello "polos 500.000 euros que investiu nas instalacións nas que se atopa actualmente este centro e que volverían ao CEIP Apóstolo Santiago".

Camiños de Santiago
A situación dos tramos composteláns dos Camiños de Santiago foi outro dos asuntos abordados na reunión desta mañá entre o alcalde e o presidente da Xunta, que lembraron o convenio asinado o pasado 15 de febreiro para mellorar o seu estado de conservación. Martiño Noriega reiterou o seu compromiso de que a Administración local axilice os trámites necesarios para executar os traballos, que suporán un investimento total de máis de catro millóns de euros. O rexedor fixou como "prioritario que as rutas xacobeas e o conxunto da cidade presenten a súa mellor cara no Ano Santo de 2021".

Nesa liña, o presidente da Xunta adiantou que o acondicionamento do Monte do Gozo estará rematado este ano, e apostou por buscar fórmulas que permitan "rematar a recuperación integral da Catedral de Santiago, mesmo con actuacións no interior da basílica máis alá do Pórtico da Gloria".

Relacionado tamén co Camiño de Santiago, o alcalde aproveitou a xuntanza para formular a necesidade de que "Xunta e Concello se coordinen de cara á celebración, en outubro, dos 30 anos da declaración do Camiño Francés como primeiro itinerario cultural europeo".

Residencia de maiores
Outro dos asuntos abordados na reunión desta mañá entre o alcalde e o presidente da Xunta foi a próxima construción dunha residencia de maiores no barrio das Fontiñas. Martiño Noriega mostrou o seu acordo coa localización elixida, e propuxo que o centro "se constrúa nunha parcela municipal da zona do Vieiro, próxima ao conxunto deportivo do Multiúsos Fontes do Sar". Alberto Núñez Feijóo apostou por emprazar o xeriátrico "no lugar que permita axilizar máis os trámites", e lembrou que a residencia contará con 120 prazas e permitirá a creación de 75 empregos. O investimento previsto, segundo relatou o presidente da Xunta, será de seis millóns de euros.

Colaboración institucional
Tanto o alcalde como o presidente da Xunta coincidiron en valorar "o bo clima de diálogo institucional", despois da terceira reunión que manteñen, e que se prolongou durante dúas horas. Martiño Noriega insistiu en que "Santiago ten que ser un espazo de consenso e de sensibilidades partilladas, porque non teñen cabida os intereses localistas nunha cidade que representa a todo o país". Pola súa banda, Alberto Núñez Feijóo explicou que "a colaboración do Concello vai ser clave para que a Xunta poida levar a cabo os proxectos que ten formulados para Compostela ao longo da lexislatura".

Compartir: