ALCALDÍA

Noriega reclama melloras nas ferramentas de financiamento da cidade

03/03/2017 O alcalde de Santiago aproveitou a reunión que mantivo esta mañá co presidente da Xunta para reivindicar as ferramentas propias de financiamento que axuden a manter a singularidade da nosa cidade e a afrontar novos retos como os relacionados co Ano Santo de 2021. Martiño Noriega expúxolle a Alberto Núñez Feijóo dúas peticións concretas: o aumento da partida da Capitalidade de cara a 2018 e o incremento da achega que a Xunta fai ao Consorcio de Santiago.

Ao respecto da partida da Capitalidade, o alcalde recordou que "a achega está conxelada dende o ano 2014 en 2,3 millóns de euros, fronte aos 5,5 millóns nos que se calcularon os gastos da capitalidade nun estudo realizado pola USC no ano 2008". No que ten que ver co Consorcio, Martiño Noriega apostou porque "Concello, Xunta e Estado se comprometan a dotar de máis fondos a unha ferramenta que foi fundamental na transformación de Compostela nos últimos 30 anos".

Taxa turística
No marco da procura de novas ferramentas de financiamento para Santiago, o alcalde reiteroulle ao presidente da Xunta a aposta do Concello "por unha taxa que reparta as cargas do mantemento do noso patrimonio e da promoción en destino cos e coas turistas que son cidadáns temporais de Compostela". Martiño Noriega agradeceu "que se permitira a posibilidade de dar o debate, aínda sendo conscientes de que a decisión última lle corresponde á Xunta".

Alberto Núñez Feijóo considerou que "non é o momento de aplicar esta taxa, porque non lle interesa a Galicia".

Compartir: