ALCALDÍA

O alcalde proponlle ao presidente da Xunta "un pacto de país polas tres grandes infraestruturas pendentes en Santiago"

03/03/2017 O alcalde de Santiago reuniuse hoxe co presidente da Xunta, no terceiro encontro que ambos manteñen dende a chegada de Martiño Noriega á Alcaldía. Na xuntanza, o rexedor propúxolle a Alberto Núñez Feijóo "un pacto polas tres grandes infraestruturas pendentes na cidade: a EDAR, a estación intermodal e a ampliación da AP-9, incluído o enlace orbital".

Martiño Noriega recoñeceu "a colaboración e o compromiso da Xunta con estes proxectos" e mostrouse convencido de que é preciso "aproveitar as sinerxias que permitan executar as tres infraestruturas no horizonte máis breve posible". Pola súa banda, o presidente da Xunta reiterou o seu compromiso "con seguir mellorando os servizos dos que goza Santiago", e agradeceu o bo clima de diálogo institucional.

Estación Depuradora de Augas Residuais
O alcalde aproveitou a reunión desta mañá para agradecer a vontade de Augas de Galicia de asumir o 20% do custo da infraestrutura, e para propoñer a posta en marcha dunha estratexia conxunta "para que a infraestrutura estea construída canto antes, despois de moitos anos de agarda e de degradación ambiental que mesmo puxo en alerta ás autoridades europeas". Martiño Noriega non renunciou a que a achega do Concello siga sendo do 15% do custo total da infraestrutura, e neste sentido recoñeceu que o Concello "aspira a que o Estado se comprometa máis co financiamento da EDAR".

O presidente da Xunta tamén expresou a súa preocupación coa situación ambiental creada en Compostela e apelou a que "no expediente da depuradora sexan incorporados todos os informes que sexan precisos, e que lle afecten tamén a concellos limítrofes".

Ampliación da AP9 e conexións no norte da cidade
Outra das grandes infraestruturas pendentes é a ampliación da autoestrada AP-9 e, ao respecto, o alcalde lembrou o compromiso da Xunta de "licitar o novo enlace á altura da Cidade da Cultura, que aliviará outras saídas e entradas e dará servizo ao barrio das Fontiñas e a Sar". Tamén apostou por facer fronte común para que "o Ministerio de Fomento acelere todas actuacións para a execución inicial do Orbital de Santiago, que dará servizo á zona industrial do Tambre-Sionlla e que conectará directamente a AP-9 tanto coa autovía A-54 como coa estrada N-550". Alberto Núñez Feijóo lembrou que "a Xunta ten iniciadas as expropiacións, para licitar canto antes anova conexión da AP-9 coas zonas de Sar e Fontiñas".

Estación Intermodal
En canto á nova estación intermodal, o alcalde lembrou os pasos que se veñen dando entre as tres administracións implicadas, Concello, Xunta e Ministerio de Fomento, para acurtar os prazos de construción da infraestrutura. Nesa liña, Martiño Noriega propúxolle ao presidente da Xunta un "pacto de país para construír unha estratexia conxunta e poder acelerar todos os trámites que dependan de Madrid".

Ao respecto, o presidente da Xunta adiantou que o obxectivo é que as obras da nova estación de autobús comecen este ano "unha vez que o Concello poña os terreos a disposición da Xunta, un asunto que o alcalde recoñeceu como prioritario".

Compartir: