TRANSPORTE

Os aparcadoiros de Xoán XXIII e de Belvís cobrarán por minuto en 2007

23/11/2006 O concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga, anunciou en rolda de prensa que as tarifas nos aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís, que xestionará TUSSA no ano 2007, comezarán a aplicar o sistema tarifario por minuto.

Na actualidade, as tarifas de Xoán XXIII están fraccionadas cada 5 minutos desde a entrada ata a sétima hora, momento no que se cobra o denominado máximo diario, unha tarifa fixa desde ese momento ata as 24 horas. Para o ano 2007, o sistema será de cobro por minuto, sendo o primeiro aparcadoiro da cidade en facelo e adiantándose deste xeito o Concello á lexislación. Ademais, non se alcanzará o máximo diario ata as 10 horas, favorecendo nas tarifas a rotación. Deste xeito, o prezo por minuto ata a cuarta hora sería de 0.0179 euros, e de 0,0133 a partir dese intre.

No aparcadoiro de Belvís, polo de agora existe un sistema de tarifas por fraccións de 15 minutos, alcánzandose o máximo diario na oitava hora. Ao igual que no caso anterior, aplicarase o sistema tarifario por minuto, quedando a tarifa ata os 45 minutos en 0,014 euros, en 0,011 ata a cuarta hora e en 0,01 en diante.

Compartir: