EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Presentadas as bases da X edición do Premio Internacional "Compostela" para Álbums Ilustrados

01/03/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi as bases da décima edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. Estivo acompañado do director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, e do reponsable do Departamento de Educación, Xosé M. Rodríguez-Abella.

O Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados é un certame convocado dende o ano 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka. Está dirixido a autores/as e ilustradores/as de todas as nacionalidades.

"A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este departamento municipal vén organizando dende 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través de publicacións de libros de calidade en varias linguas", tal e como destacou na rolda o concelleiro de Educación. Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas sete edicións, ao que se engade o prestixio do xurado que avalía as obras presentadas.

O prazo de presentación de orixinais ábrese coa publicación destas bases e remata o 12 de maio de 2017. A decisión do xurado farase pública na última quincena de xuño de 2017, no marco da XVII Campaña de Animación á Lectura que organiza o Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela. Os premios entregaranse no mes de novembro.

Kalandraka Editora
A editorial Kalandraka encargarase de publicar a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares -galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. Kalandraka Editora realiza un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. Tamén se abriron ao campo creativo, publicando álbums ilustrados de creación propia segundo criterios de alta calidade estética e literaria nos que os autores e os ilustradores galegos poden dar a coñecer a súa obra. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, italiano e portugués.

A súa proxección internacional concrétase coa participación nas principais feiras sectoriais do mundo: Italia, Estados Unidos, Xapón, China, Alemaña, México… O seu mercado esténdese a Norteamérica e a América do Sur, onde a Secretaría de Educación Pública do Goberno de México incluíu numerosos títulos de Kalandraka no plan quinquenal do libro e a lectura. Os seus libros tamén están presentes en Europa e en Asia.

Esta traxectoria está salpicada de galardóns a nivel nacional internacional: Premios Nacionais de Ilustración nas categorías infantil e xuvenil: Premio Libreter de Cataluña, Libro Mellor Editado do Ministerio de Cultura, Premio Nacional de Edición, Premio Daniel Gil de Deseño Editorial, Premio Isaac Díaz Pardo e o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial 2012, concedido polo Ministerio de Cultura, entre outros.

No espazo expositivo de Kalandraka figuran nun lugar destacado as obras galardoadas co Premio Compostela, que tamén teñen protagonismo na decoración do propio espazo. Arredor dos álbums galardoados co Premio Compostela tamén se organizan actividades: presentacións para editores, libreiros e bibliotecarios; accións de promoción do certame dirixidas a escritores e ilustradores; encontros cos autores das obras premiadas, etc.

Por outra banda, Manuel Dios quixo lembrar que "dende hai dezasete anos, o Concello de Santiago organiza xunto con esta editorial unha campaña de animación á lectura na que participan máis de catro mil escolares de Santiago e a súa comarca en cada edición, o que reflicte o grande interese que esta proposta didáctica ten para a cidade".

Proxección internacional
Ata o momento convocáronse nove edicións e presentáronse 3.072 traballos, cifra que dá a medida da importante repercusión que este premio ten a nivel internacional. Os traballos presentados a este premio procederon de diversos países como: España, Hungría, Grecia, Italia, Portugal, Alemaña, Dinamarca, Suíza, Holanda, Polonia, Inglaterra, Francia, Irán, Líbano. Tamén de varios países americanos como Arxentina, Ecuador, Chile, Uruguai, Venezuela, Brasil, Colombia, México, EEUU, El Salvador e Xamaica.

Documentos relacionados



Compartir: