MEDIO AMBIENTE

Galeras contará cun novo parque infantil adaptado para nenos e nenas con diversidade funcional

01/03/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe o proxecto de renovación da área de xogos infantís do parque de Galeras, no que se van investir preto de 75.000 euros. O edil lembrou que os elementos de xogo desta área teñen unha antigüidade de máis de 14 anos.

Ademais, Xan Duro incidiu na aposta "polos xogos inclusivos e, de feito, un dos requisitos do prego era incorporar elementos adaptados para nenos e nenas con diversidade funcional". Así, todos os elementos do parque poderán ser usados sen acompañante por nenos e nenas con problemas lixeiros de visión e motricidade, e con acompañante no caso de deficiencias severas.

66 actividades distintas
A instalación do parque infantil de Galeras foille adxudicada á empresa Lappset España, por un importe de 74.141,54 euros. O prazo de execución é de 60 días. Segundo apuntou Xan Duro, as obras comezarán nos próximos días, "en canto as condicións meteorolóxicas o permitan".

A nova área de xogos estará presidida por un elemento en forma de barco, no que haberá dous tobogáns, trepas, paneis de xogo e compoñentes de xogo inclusivo. Tamén se instalará unha zona elevada, con outro tobogán, un túnel, unha rede de cordas e unha área de rocódromo. Incluirase igualmente unha cama elástica, un resorte con forma de balea e un xogo de teléfonos. Ademais, no pavimento amortecedor haberá dous xogos tradicionais: un tres en raia e unha mariola. En total, serán 66 actividades distintas, que permitirán que o parque infantil sexa utilizado por 126 usuarios e usuarias ao mesmo tempo.

Xan Duro adiantou que nas próximas semanas presentará tamén o proxecto do novo parque infantil de Meixonfrío, e explicou que se están preparando os pregos doutras dúas áreas de xogo: a de Outeiro de Sar (vinculada aos orzamentos participativos), e a do parque de Vite, que precisa ser renovada.

Compartir: