FESTAS

A carroza "Ciklon" e a comparsa "Baixo o mar", gañadoras do concurso do martes de Entroido

28/02/2017 A xente de Compostela botouse á rúa para presenciar e vivir a edición 2017 do desfile do martes de Entroido, que contou coa participación no concurso de sete carrozas, quince comparsas, nove grupos, catro parellas e once disfraces individuais. A todos eles sumáronse as numerosas persoas, pequenas e maiores, que se disfrazaron este día para vivir o desfile.

A mellor carroza, a xuízo do xurado, foi a denominada "Ciklon", que levou os 3.000 euros de premio, repetindo o título xa logrado en 2016. Segunda e terceira clasificada quedaron as carrozas "Un mundo a voar" e "Luces de Tomiño", que levaron, respectivamente, 2.000 e 1.000 euros.

Na categoría de comparsas, a gañadora foi "Baixo o mar", que resultou agasallada con 2.400 euros. "Xirandina Tours" e "A rueirada" quedaron en segundo e terceiro lugar, levando 2.000 e 1.000 euros.

Tamén houbo premios especiais para as mellores comparsas dos barrios e parroquias, que recibiron 1.200, 600 e 400 euros. As triunfadoras foron "A festa das rosas", "Conxo 2984 "e "Cortesanas e cortesanos do reino".

O xurado elixiu a "Horas, minutos e segundos", "As colmeas e as abellas" e "A ghata ruín da prada" como os mellores grupos caracterizados. Para eles foron os premios de 800, 400 e 200 euros.

A parella máis orixinal foi a denominada "Paracaidista", que marchou cun premio de 400 euros. Finalmente, os mellores disfraces individuais (premiados con 300, 200 e 100 euros) foron "Taxi inglés", "Buscando a onda nas rúas" e "O feiticeiro de Barcala".

O desfile comezou, como todos os anos, coa concentración de carrozas, comparsas e charangas na Estación de Ferrocarril. Dende alí discorreu polas rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I.

A entrega de premios celebrouse na Sala Capitol, onde a música correu a cargo da orquestra Os Modernos.

Queima do Meco
A programación do Entroido concluirá este mércores co acompañamento do Meco dende a praza do Toural ata a praza Roxa. Percorrerá, a partir das 20:00 horas, a rúa Nova, Vilar, Senra, Doutor Teixeiro, República do Salvador e praza Roxa. A comparsa A Ruliña de Laraño participará neste desfile, ao que se prega que os e as acompañantes vistan de rigoroso loito para a ocasión. Ás 21:00 horas será a festa final coa queima do Meco na praza Roxa, coa animación de Ni Fu ni Fa e a música da Banda Municipal.

Direccións relacionadas



Compartir: