XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de renovación da avenida de Vilagarcía

24/02/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto básico e de execución para a repavimentación da avenida de Vilagarcía, no tramo comprendido entre as avenidas de Rosalía de Castro e Romero Donallo. O orzamento para as obras é de 496.733,51 euros, IVE incluído.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que esta actuación acumula un importante atraso, porque o proxecto inicial, aprobado polo Concello no ano 2013, non fora sometido ao visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, malia a que a zona afectada forma parte do Camiño de Santiago. Unha vez se lle deu traslado do proxecto, Patrimonio solicitou que se introduciran algunhas modificacións, que é ao que agora se lle da resposta.

O proxecto aprobado hoxe contempla, ademais da repavimentación, a renovación da rede de abastecemento eliminando a actual rede de fibrocemento; a separación da rede de recollida de augas en rede de residuais e rede de pluviais; a substitución completa do actual alumeado público por outro con lámpadas LED; e a adaptación das redes de subministro eléctrico, telecomunicacións e gas natural. A actuación conta cun orzamento total de 496.733,51 euros, IVE incluído.

Residencias artísticas
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe o cambio de datas e novas residencias de creación artística na Sala Agustín Magán, do CSC de Santa Marta, para os meses de marzo, abril e maio. Despois da primeira resolución, presentáronse novas solicitudes para os espazos temporais vacantes e hoxe quedaron resoltas por parte do executivo.

Así, a Compañía Delirium utilizará a Sala Agustín Magán para o seu espectáculo Welcome os días 7, 8, 10, 14, 15, 17, 21, 22 e 24 de marzo de 2017, en horario de 10:00 a 14:00 horas. A compañía Iván Marcos terá a súa residencia do 10 ao 29 de abril, coa montaxe Praga; e Circo Chosco, co espectáculo Forzudos, utilizará o espazo de Santa Marta do 1 ao 19 de maio.

Premio Xohana Torres
Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe foi a aprobación da convocatoria do Premio Xohana Torres de ensaios e creacións audiovisuais sobre a memoria histórica das mulleres, na súa edición de 2017. O alcalde lembrou que este certame foi recuperado en 2016, despois de que se abandonara a súa convocatoria durante varios anos. A edición correspondente ao ano pasado está a piques de resolverse, e o que hoxe aprobou a Xunta de Goberno foi a convocatoria de 2017, na que se volverán entregar dous premios nas modalidades de ensaio e creación audiovisual,cunha dotación económica de 2.500 euros para cada unha. O prazo para a presentación de traballos irá do 8 de marzo ao 31 de decembro.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe adxudicar o contrato do servizo de mantemento da aplicación informática de xestión dos servizos sociais á empresa Tecnocom Telecomunicaciones y Energía S.A, e por un importe de 9.100 euros, máis IVE de 1.911 euros.

Por último, acordouse solicitar á Deputación da Coruña unha subvención de 10.000 euros para o mantemento da Escola Municipal de Música e Danza de Santiago.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: