TURISMO

O Consello Municipal de Turismo mantén a súa primeira reunión ordinaria logo de sete anos

22/02/2017 O Auditorio de Galicia acolleu a primeira xuntanza ordinaria do renovado Consello Municipal de Turismo, que se constituíu no pasado mes de setembro, coincidindo coa celebración do Dia Mundial do Turismo. A última vez que se reuniu o anterior Consello foi no ano 2010. Esta primeira reunión ordinaria, presidida pola concelleira de Turismo, Marta Lois, responde ao calendario fixado na xuntanza constitutiva, que establece que o órgano reunirase trimestralmente. Na orde do día tratáronse catro puntos destacados: valoración dos resultados turísticos do 2016, Plan Estratéxico 2017-2022, Camiño 2021 e Taxa Turística.

No primeiro punto, dende Turismo de Santiago presentouse un informe cos principais datos do ano 2016, que amosan que a cidade viviu un grande ano turístico, con récords en pernoctacións, en tráfico no aeroporto e no Camiño de Santiago. As pernoctacións totais foron 1.373.491, superándose por primeira vez as 1.300.000 pernoctacións nun ano non Santo. O aeroporto tivo por primeira vez máis de 2,5 millóns de pasaxeiros. E o número de peregrinos superou o récord do Ano Santo 2010, con 278.224.

Turismo de Santiago anunciou a súa vontade de convocar un concurso para elaborar un novo Plan Estratéxico para o turismo da cidade, que cubriría o período 2017-2022. Este será o segundo Plan Estratéxico. O primeiro elaborouse no 2003 e estivo en vigor ata o ano 2008. No 2009 elaborouse unha actualización deste Plan Estratéxico, definida para o período 2009-2015.

A validez deste Plan Estratéxico estenderase ata o ano 2022, porque dende Turismo de Santiago considérase que ten que ser unha ferramenta concibida para transformar o modelo turístico da cidade, adaptándoo aos tempos. O Plan ten que ter en conta o Ano Santo 2021, pero ten que transcendelo, porque o sector turístico non pode funcionar só pendente dos Anos Santos, senón que ten que desenvolver un modelo sostible no tempo e rendible para o conxunto da cidadanía.

Camiño 2021
No Consello Municipal tamén se presentou Camiño 2021, plan de acción integral destinado a preparar á cidade cara ao Ano Santo 2021. A finalidade municipal é planificar e preparar con tempo suficiente o próximo Ano Santo. A intención é definir en colaboración coas entidades do Consello Sectorial do Turismo un plan de accións concretas que se desenvolverán no período 2018-2020 para que a cidade aproveite ao máximo a oportunidade que brinda o 2021.

Camiño 2021 xirará arredor de cinco ámbitos concretos de actuación precisos para preparar a cidade de cara ao Ano Santo: sinaléctica turística da cidade, adecuación dos Camiños de Santiago no termo municipal, programa de calidade para o sector, adaptación das oficinas de información turística da cidade e promoción internacional da cidade.

O obxectivo do Concello é contar coa colaboración doutras administracións e do sector privado na concreción deste plan de acción. Neste sentido, cabe destacar xa que o Concello e a Xunta asinaron o pasado 15 de febreiro un protocolo de colaboración para a mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago no termo municipal de Compostela, polo cal a Xunta aportará 4,2 millóns de euros á mellora dos tramos composteláns das rutas xacobeas.

Finalmente, dende o Concello formulouse o debate sobre a introdución dunha Taxa Turística na cidade, concibida como unha ferramenta para incrementar o valor engadido do turismo na cidade, beneficiando tanto ao propio sector como ao conxunto da cidadanía. A Taxa posibilitaría contar con maiores recursos que permitirían mellorar os servizos públicos que se prestan ás persoas que nos visitan e incrementar as posibilidades de promoción e de desestacionalización da demanda.

DATOS DESTACADOS DO 2016

1. Santiago sumou 1.373.491 pernoctacións. Foi o primeiro ano no que se superaron as 1.300.000 pernoctacións, salvo o Ano Santo 2010.

2. O turismo internacional sumou un novo máximo con 652.885 pernoctacións, achegándose ao 50% do total.

3. O turismo doméstico chegou a 720.606 pernoctacións. É a primeira vez que se superan as 700.000 pernoctacións dende o 2011.

4. O aeroporto de Santiago superou por primeira vez os 2,5 millóns de pasaxeiros.

5. Os pasaxeiros nas conexións internacionais marcaron un novo máximo, con 533.540.

6. O número de peregrinos superou o récord marcado no Ano Santo 2010, con 278.224.

7. O motor do crecemento do Camiño foron os peregrinos internacionais, que chegaron ata os 153.828.

8. Entre os dez países con maior número de peregrinos hai seis europeos, dous americanos, un asiático e un oceánico. Foron, por orde: Italia, Alemaña, EEUU, Portugal, Francia, Irlanda, Reino Unido, Corea, Australia e Brasil.

9. As oficinas de información de Turismo de Santiago atenderon máis de 210.000 consultas, 117.000 de visitantes foráneos.

10. A web de Turismo de Santiago superou por primeira vez o millón de persoas usuarias.

Compartir: