MEDIO AMBIENTE

O Concello convida a veciños e veciñas a "descarbonizar" os seus estilos de vida

22/02/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe o proxecto que o Goberno de Santiago pon en marcha co obxectivo de contribuír á redución da emisión de gases de efecto invernadoiro. Trátase de Descarboniza! Que non é pouco, unha iniciativa que desenvolvida polo Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago, en virtude do convenio de colaboración que ten asinado co Concello. Na rolda de prensa tamén participou unha das integrantes deste grupo, Lucía Iglesias da Cunha.

Xan Duro explicou que "o cambio climático constitúe o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas, polo que é unha obriga a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación". O proxecto presentado busca "organizar e acompañar a grupos de persoas que estean dispostas a ‘descarbonizar’ os seus estilos de vida". Para iso, botouse man do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental, que posúe unha ampla e experiencia en iniciativas educativas e sociais dirixidas á redución da emisión de gases de efecto invernadoiro, e que se basean principalmente na dinámica grupal e no fomento da participación activa da cidadanía nos problemas ambientais e na vida pública en xeral.

Traballo nos centros socioculturais
Lucía Iglesias da Cunha explicou que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental "busca a participación directa da cidadanía, para educar dende a proximidade". Por iso, SEPA aproveitou as dinámicas de participación xa creadas na Rede de Centros Socioculturais para organizar os primeiros grupos de traballo. Haberá un grupo de mocidade no Centro Sociocultural de Vite, outro de mulleres rurais no Local Sociocultural de Lavacolla, e un terceiro grupo de descarbonización mixto no Centro Sociocultural de Fontiñas.

Cada grupo poderá decidir os ámbitos nos que quere traballar para "descarbonizar" a súa vida, con accións concretas relacionadas coa xeración de residuos, o consumo enerxético, ou a mobilidade. Segundo apuntou Lucía Iglesias, o obxectivo último é "darlle a volta á idea de que as pequenas accións non valen de nada para cambiar o mundo, e demostrar que cada xesto é importante para contribuír a frear o cambio climático". Así, mostraranse os efectos que poden ter accións doadas de executar como consumir produtos locais, de tempada e ecolóxicos; mudar os hábitos para rebaixar o consumo eléctrico; compartir o coche privado ou cambiar o seu uso pola bicicleta ou os desprazamentos a pé, ou mesmo comprar roupa de segunda man.

Os membros do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental traballarán cos tres grupos constituídos nos centros socioculturais ao longo dos tres próximos meses, e serán os participantes os que decidan tamén o mellor xeito para organizar a sesións.

Compartir: