MEDIO AMBIENTE

AcuaEs, a Xunta e o Concello acordan introducir melloras no anteproxecto da nova depuradora

21/02/2017 O Concello, a Xunta e AcuaEs acordaron hoxe revisar o anteproxecto da nova Estación Depuradora de Augas Residuais "co obxectivo de que a infraestrutura ocupe o mínimo espazo, se minimicen os custos de explotación e se consiga unha EDAR compatible cos achados arqueolóxicos e co valor paisaxístico da zona do Souto". Foi no transcurso dunha comisión de seguimento da nova depuradora, na que participaron o alcalde, Martiño Noriega; o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro; a directora de AcuaEs, Aránzazu Vallejo; o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez; e técnicos representantes das tres administracións implicadas na actuación e da Universidade de Santiago.

Ao remate do encontro, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia agradeceu "a sensibilidade e a vontade de colaboración mostrada tanto por AcuaEs como por Augas de Galicia, ante as inquedanzas mostradas polo Concello nas últimas semanas". Tamén salientou a súa "vontade de mellorar o proxecto, nos seus aspectos ambiental, social, técnico e económico". Xan Duro recoñeceu que "despois da reunión de hoxe estamos máis cerca de asegurar que Santiago vai ter a depuradora que merece".

Prazos
O concelleiro de Medio Ambiente apuntou que a vontade das tres administracións implicadas na construción da EDAR é que o novo convenio sexa asinado no mes de xuño. A directora de AcuaEs, Aránzazu Vallejo, explicou que "estamos nunha fase inicial, que nos permite introducir melloras no anteproxecto da depuradora". A partir de ter redefinido ese anteproxecto, farase a licitación da obra cun orzamento que roldará os 60 millóns de euros. Os traballos, segundo sinalou, terán un prazo de execución de tres anos, "e unha vez rematados será preciso algún tempo para realizar axustes ata que a EDAR funcione de xeito correcto".

Para a responsable de AcuaEs, "o máis realista é pensar que a nova depuradora de Santiago estará construída e en explotación a finais de 2022 ou principios de 2023, dentro do horizonte temporal determinado polos fondos europeos cos que se financiará a maior parte da infraestrutura (Fondos europeos 2014-2020, máis tres anos de prórroga).

Financiamento
Aránzazu Vallejo lembrou que a nova estación depuradora de augas residuais de Santiago requirirá un investimento moi elevado que, pendente de que quede definido o proxecto, roldará os 60 millóns de euros. Para a directora de AcuaES, "tendo en conta o esforzo que supón a construción da infraestrutura, é importante garantir que sexa a EDAR que atenda ás necesidades de Compostela nos próximos 50 anos".

Do custo total, o Estado, a través de AcuaEs, fará unha achega que roldará os 40 millóns de euros, procedentes de fondos europeos. A Xunta, segundo apuntou o director de Augas de Galicia "ten o compromiso de achegar a metade dos custos que non cubra o Estado, previsiblemente en torno ao 20% do custo total, e con independencia de que sexan máis ou menos cartos". Roberto Rodríguez incidiu en que hai que agardar a ter o proxecto definitivo da EDAR para saber cal é o custo da infraestrutura, e para concretar o reparto entre a Xunta e o Concello de Santiago.

Petroglifos
Outro dos asuntos abordados na comisión de seguimento celebrada esta mañá foi a posible incidencia da catalogación de novos petroflifos no contorno do Souto. A directora de AcuaEs lembrou que xa había outros restos documentados no estudo arqueolóxico realizado no seu día para a declaración de impacto ambiental, e mostrouse convencida de que este achado "podería supoñer algún atraso, pero non a imposibilidade de executar a infraestrutura". Aránzazu Vallejo sinalou que o obxectivo é "construír a nova depuradora tendo en conta todas as sensibilidades históricas e ambientais". Na mesma liña, o director de Augas de Galicia reiterou o compromiso das tres administracións de "adoptar todas as medidas que sexan necesarias para a protección do patrimonio".

Compartir: