POLÍTICAS SOCIAIS

Presentado un novo aplicativo de solicitude de cita previa para servizos sociais municipais

21/02/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, deu a coñecer hoxe un novo aplicativo posto en marcha dende a Concellaría de Políticas Sociais para a xestión das citas previas no Departamento.

Pode accederse a través da web municipal (portada ou Concellaría de Políticas Socias) ou ben a través da dirección citapreviass.santiagodecompostela.gal, e vén a completar o sistema que había para a solicitude de cita. Ata o de agora, as persoas usuarias debían solicitala, ou ben de forma telefónica no 981 542 465 ou de maneira presencial nos Puntos de Atención de Servizos Sociais situados no Cabes (Salgueiriños), Conxo, Ensanche, Fontiñas e Galeras.

"Isto permite -avanzou Concha Fernández- facer máis accesibles os servizos sociais comunitarios, non saturar a atención telefónica nin os puntos de atención". Pola súa banda, a técnica responsable do aplicativo, Ana Ares, puxo o foco na "linguaxe sinxela que se utiliza e que fará que moitas persoas, aproximadamente o 30% do volume de usuarios actuais, usen nun primeiro momento este novo sistema".

O novo aplicativo permite axilizar a atención á veciñanza e ser máis operativos dende o punto de vista da xestión dos recursos humanos municipais. Dese xeito, a ferramenta nace con tres obxectivos: axilizar o acceso á veciñanza aos servizos sociais comunitarios; contribuír á organización do centro municipal de servizos sociais e apoiar aos e ás profesionais dos servizos sociais no desenvolvemento do traballo diario.

Funcionamento
O uso da aplicación é moi sinxelo. A través do enderezo electrónico, as persoas usuarias dos servizos sociais do Concello poden pedir cita co seu profesional e a aplicación amosará as horas libres existentes. Tamén poden pedir cita as persoas que accedan por primeira vez e, nese caso, serán atendidas ou ben polo profesional correspondente á súa zona ou barrio ou ben aquel ou aquela que teña un oco libre o máis pronto posible.

Terase en conta o padrón de habitantes, pero tamén o enderezo efectivo das persoas que solicitan unha cita. Na web pídese tamén concretar o motivo ou servizo ao que se desexa acudir, o que permite axilizar e ser máis operativos na atención. Eses motivos son: carencia de recursos, infancia e menores, persoas maiores, centro de información ás mulleres (CIM), persoas con dependencia, programa de axuda no fogar, programa de intervención familiar, de intervención socioeducativo, de inclusión social, unidade de atención ás migracións e vivenda.

Compostela Máis
A concelleira de Políticas Sociais explicou que este sistema permite modernizar a xestión das citas e que permitirá mellorar tamén a incidencia e aplicación de programas novidosos como o Compostela Máis. "Esta ordenanza –lembrou- supuxo un cambio de enfoque e modelo, retirando o marco normativo da lei de subvencións para incorporalo ás políticas sociais".

Concha Fernández informou de que esta semana se procedeu "ao levantamento dos reparos postos polo Departamento de Intervención baseándose nos informes emitidos pola asesoría xurídica, que serviron como base no seu día para a redacción da ordenanza. Isto, engadiu, "permítenos axilizar a tramitación dos expedientes". Concha Fernández explicou que "a día de hoxe, hai 84 solicitudes, das cales 37 son rendas, 33 de necesidades básicas e 15 de habitabilidade".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: