TURISMO

Compostela promóvese en Milán e Barcelona como sede de congresos

22/11/2006 O Santiago de Compostela Convention Bureau participa o xoves 23 na presentación da Alianza de Cidades Patrimonio de Congresos de España en Milán, e estará presente na vindeira semana na terceira edición en Barcelona da feira EIBTM, a máis importante de Europa para a promoción de congresos e viaxes de incentivos.

A Alianza de Cidades Patrimonio de Congresos de España, integrada polos convention bureaux de Santiago de Compostela, Ávila, Córdoba, Cuenca, Salamanca e Toledo, pechará as súas actuacións promocionais do 2006 o xoves 23 de novembro cunha presentación en Milán.

A xornada de traballo, na que as cidades amosan a súa oferta como sedes para a organización de viaxes de incentivo, seminarios e congresos, terá lugar no hotel NHOW da capital lombarda, coa participación de más de 70 profesionais do sector turístico.

De acordo con Turespaña, Italia é o cuarto mercado máis importante para España por número de turistas, cun máximo histórico no 2005 de tres millóns de turistas e un crecemento do 7,3%.

En Santiago de Compostela, os visitantes italianos veñen rexistrando no 2006 un dos crecementos máis espectaculares nas consultas ás oficinas municipais de turismo, ata situarse durante o terceiro trimestre como o primeiro emisor estranxeiro co 17% do total de consultas, grazas á entrada en funcionamento do voo directo Roma-Santiago de Ryanair. A este voo engádese desde o 1 de novembro a conexión de Air Berlin a Milán vía Palma de Mallorca.

Promoción en Barcelona

O Santiago de Compostela Convention Bureau continuará o seu calendario de promocións entre o 28 e 30 de novembro na terceira edición da feira EIBTM de Barcelona, convertida no maior evento europeo dedicado a congresos e viaxes de incentivos.

Alí a oficina promotora de congresos de Compostela participará como coexpositora no stand de Turgalicia, desde o que poderá contactar con máis de 600 visitantes profesionais do sector, empresas organizadoras de congresos e responsábeis de viaxes de empresas.

Dentro das actividades paralelas o salón catalán debaterá os cambios que afectarán ao turismo de negocios nos próximos anos.

Compartir: